Espimos os programas

Moito máis que peixe, patacas e votos

O sector primario en Galiza supón 5% do PIB e máis de 70.000 empregos directos. É, ademais, un factor determinante na ordenación do noso territorio e da poboación e tamén un dos alicerces da industria agroalimentar. Vexamos que medidas defenden a este respecto as distintas formacións que se presentan na Galiza ás eleccións xerais do 28A.

XARDA RINCHA MAR PESCA MIKEL ARRAZOLA
photo_camera M.Arrazola CC BY-3.0-ES 2012/EJ-GV/Irekia

Embora a tercerización da economía galega nestas décadas, o sector primario é un dos alicerces de desenvolvemento socioeconómico en non poucas comarca do país, quer por el propio quer en combinación coa industria relacionada. Supón 4,9% do Produto Interior Bruto Galego (PIB) e por volta de 70.000 postos de traballo directos. O seu peso, ademais, debe medirse pola importancia que ten como factor de asentamento da poboación e vertebración do territorio. A crise tamén pasou unha factura a este sector (entre 2009 e 2013 perdéronse nel 20.000 empregos) da que aínda se está a recuperar.

Neste contexto, cales son as propostas das diferentes candidaturas que se presentan ao 28A para os sectores primarios?

BNG: Reforzamento do agro e pesca e capacidade de decisión

O BNG no seu programa fala de “reforzar” os sectores produtivos, para o que debulla toda unha serie de medidas e actuacións. Aposta en fixar “un mecanismo de vixilancia e intervención que garanta prezos dignos á produción no sector lácteo”  e na “participación directa de Galiza na reforma da Política Pesqueira Común (PPC) e a súa consideración como zona altamente dependente da pesca”.

O apoio aos circuitos de comercialización e transformación activados desde a produción, así como o estabelecemento dun espazo galego de libre decisión en materia marítima e pesqueira (transferencia das autoridades portuarias estatais en Galiza, de Salvamento Marítimo...) figuran no programa.

A formación nacionalista avoga, ademais, por que tanto o goberno galego como os axentes e sectores directamente interesados, “participarán nas negociación estatais e europeas que afecten os sectores primarios”.

En Común-Unidos Podemos: Reforma da PAC e do PPC

Esta formación recolle no seu programa a necesidade de levar a cabo a reforma da Política Agraria Común (PAC) e tamén da Política Pesqueira Común (PPC).

Na PAC, “para reverter as medidas que prexudican Galiza, esixindo a eliminación dos dereitos históricos cuxo cálculo penaliza as producións galegas e as producións situadas nas comarcas máis desfavorecidas”.

No que respecta á PPC, propoñen impulsar “un cambio na aplicación que a faga realmente transparente e participada por todos os sectores afectados”.

En Marea: agro e pesca sustentábeis

Activar políticas  para garantir a soberanía alimentar e que pulen polo “valor social e ambiental” do agro son dúas das medidas que En Marea recolle no seu programa. “Unha política pesqueira que compatibilice a sustentabilidade ecolóxica coa económica e social, priorizando a pesca artesanal” e o “reparto xusto da cota pesqueira” son dúas propostas que poñen riba da mesa para o sector do mar.

A isto engade o compromiso na defensa “dunha reforma da PAC na UE a favor das pequenas e medianas explotacións agrícolas e do impulso á agroecoloxía” e na demanda de que as autonomías teñan voz no deseño das decisións de reparto interno das axudas da PAC.

O impulso á cooperativización e as medidas para reforzar a capacidade de gandeiros na negociación de prezos son outras medidas recollidas no programa.

PSOE: manter a PAC

Nas 101 medidas presentadas polo PSOE como cerna do programa electoral para o 28A, a formación socialista defende manter o reparto actual de orzamentos da PAC, ao tempo que anuncia un “Plan Estratéxico Nacional de Agricultura” no que teñan “un papel clave” os diferentes territorios.

Tamén se compromete o PSOE a “seguir fomentando” a pesca e a acuicultura sostíbeis e a pular pola “incorporación” da muller a estes sectores produtivos.

Partido Popular: Competitividade

Ao igual que o PSOE, o PP non ten nestas elección un programa específico para Galiza, polo que un sector clave primario na nosa economía (a pesca) apenas ten cabida nos programas destas forzas estatais. Na do Partido Popular, neste sentido, limítase a falar de “defender os intereses da fora española” fronte ao Brexit.

No que respecta ao agro, fala de “manter a estabilidade do sector agrario e garantir a sostibilidade do campo español” e anuncia, de gañar, o impulso de Plans de Desenvolvemento Rural para facer do sector primario “motores de dinamización económica”.

Ciudadanos non presentou aínda o seu programa.

Comentarios