Unha moeda dun euro decide que o alcalde pedáneo de Arcos da Condesa, en Caldas, será socialista

O azar entrou en xogo por mor dun perfecto empate a 119 votos entre PP e PSOE.
O empate nas urnas entre PP e PSdeG resolveuse lanzando unha moeda ao ar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O empate nas urnas entre PP e PSdeG resolveuse lanzando unha moeda ao ar. (Foto: Nós Diario)

Unha moeda dun euro decidiu que o alcalde pedáneo da entidade menor de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis (comarca de Caldas), será o socialista Fernando Sabarís, após saír empatado das urnas co popular José Francisco Alonso. Ambos os dous candidatos obtiveran o pasado 28 de maio, exactamente, 119 votos.

Fontes populares e socialistas ratificaron que, após o repaso dos votos e quedar ratificado o empate entre as dúas candidaturas, unha moeda dun euro foi a encargada de decantar a sorte da pedanía esta segunda feira, con resultado favorábel ao PSdeG-PSOE, que durante os próximos catro anos rexerá esta entidade de case 400 habitantes.

A singularidade das pedanías, máis de 3.500 en todo o Estado español, compártena na Galiza un total de nove poboacións: Arcos da Condesa, Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Berán (Leiro) e Queimadelos e Vilasobroso (ambas as dúas en Mondariz).

Sen grandes novidades após o 28-M

Os recontos por parte das xuntas electorais e análises de votos nulos noutras urnas do país non deixaron novidades determinantes no panorama municipal da Galiza após os últimos comicios locais.

Por exemplo, PSOE e BNG manterán a Deputación de Lugo, xa que, a pesar de que o PP pediu analizar os máis de mil votos nulos nesta circunscrición, unha vez corrixida a transcrición dalgúns datos —como aconteceu nunha mesa de Castro de Rei— anotados por erro para os nacionalistas, a diferenza a favor dos socialistas para o deputado chave roldaba os 200 sufraxios.

Con todo, si houbo outras alteracións que poden ter incidencia na aritmética dos pactos. Por exemplo, os populares confirmaron á axencia Europa Press que a Xunta Electoral deu este domingo a razón á formación, que recorreu o reconto no concello mariñao de Alfoz, e devolveulle unha acta de edil ao dar por válido un voto que fora declarado nulo.

Comentarios