Moción de censura en Pontecesures: O PP accede á alcaldía entre apupos da veciñanza

Vidal Seage é o novo rexedor, após desaloxar a nacionalista Cecilia Tarela (BNG) nun pleno cunha importante asisentencia veciñal.

pontecesures moción de censura
photo_camera Imaxe: @noaourense

Pontecesures cambia de alcalde un ano despois das eleccións municipais. Daqueles comicios, e en virtude dun pacto entre tres formacións, saíra alcaldesa a nacionalista Cecilia Tarela (BNG). Esta segunda feira, e en virtude dunha moción de censura impulsada polo PP, sae rexedor José Manuel Vidal Seage. O apoio dos edís do PP, dos 2 concelleiros independentes e dun dos dous que ten Terra Galega [partido que até hai uns meses apoiaba o goberno], déronlle a alcaldía nun pleno concorrido e tenso por momentos. Non faltaron por parte dos asistentes, que ateigaron o salón, apupos e aplausos, segundo as intervencións. Ángel Souto, o concelleiro que rachou o pacto de goberno con BNG e PSdeG e apoiou a moción, foi un dos principais albos dos reproches do público.

Esta é a primeira moción de censura na provincia desde que Alfonso Rueda accedeu á Presidencia do PP en Pontevedra, na que deu substitución a Rafael Louzán o pasado 13 de marzo. Mais non é a primeira impulsada polos populares en Galiza desde as pasadas eleccións municipais. A primeira delas, en agosto pasado, desaloxou da alcaldía o nacionalista Xosé L. Rivas, 'Mini'.

Cecilia Tarela, desaloxada por esta moción da alcaldía de Pontecesures, recoñecía hai uns días nunha entrevista en Sermos Galiza que esta operación do PP non lle collía por sorpresa. “A moción de censura non sorprende, hai que ter en conta que noutras lexislaturas foron concelleiros do PP [o edil de TeGa e a independente] e volven ao redil”.

"Cacicada"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón responsabiliza o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de ser o autor dunha moción que cualificou como “cacicada”, atropelando os intereses da veciñanza. “Esta cacicada é a carta de presentación de Rueda na provincia tras ser nomeado presidente dos populares en Pontevedra”, para substituír unha alcaldesa “honrada e cun proxecto a favor do municipio” por un goberno do PP a favor dunha minoría.


 

Comentarios