Moción de censura en Malpica: "Devolverá o municipio ao pasado", advirte o PSOE

A corporación local debaterá esta sexta feira a moción de censura que devolverá o Goberno ao PP co apoio do concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo.
José Manuel Lage, Walter Pardo e José Antonio Viña.
photo_camera José Manuel Lage, Walter Pardo e José Antonio Viña. (Foto: Nós Diario)

O Partido Socialista da Galiza advertiu esta cuarta feira que a moción de censura que, previsibelmente, sairá adiante esta sexta no municipio de Malpica "devolverá" ao concello da Costa da Morte "ao pasado" co regreso á alcaldía do popular Eduardo Parga grazas ao apoio do concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo, que a mediados de agosto presentou a súa dimisión como membro do Goberno local.

O secretario de Organización do PSdeG da Coruña, José Manuel Lage, e o coordinador comarcal do partido, José Antonio Viña, arrouparon ao aínda alcalde, Walter Pardo, nunha rolda de prensa na que censuraron os "intereses" dun cambio de goberno no que ven "un asalto ao poder" dos populares "usando a Cañizo como unha marioneta".

"Pacto da vergoña"

"A dignidade nin se compra nin se vende. Ou se ten ou non se ten. Neste caso, ningún dos representantes que vai entrar na moción a debe ter", sentenciou Pardo, quen cualifica o acordo entre o PP e o edil non adscrito como "pacto da vergoña" entre dúas persoas, Parga e Cañizo, que tras ser protagonistas de "pelexas, tribunais e sentenzas, agora son amigos".

De prosperar a moción de censura, Parga recuperaría un bastón de mando que xa ostentou entre 2011 e 2019. Entón, gobernou co apoio de Alfredo Cañizo, fundador do partido independente AIM, que nas últimas municipais encabezou a candidatura de Ciudadanos.

Con todo, a relación entre Parga e Cañizo deteriorouse e o segundo acabou sendo condenado por ameazar o primeiro durante a seu último mandato á fronte do consistorio bergantiñán. Meses máis tarde, o PP perdeu a maioría absoluta nas eleccións da primavera de 2019, o que lle permitiu ao PSOE facerse coa Alcaldía grazas ao pacto co BNG e o propio Cañizo.

O resultado das últimas municipais (seis edís para o PP, catro para PSOE, dous para BNG e o asento de Cañizo) fai que o voto do concelleiro non adscrito sexa chave no mandato que se pechará en 2023. Foino para a investidura, cando Cañizo fixo alcalde ao socialista Pardo (o que lle valeu a súa expulsión de Cs), e volve selo agora após a súa saída do Goberno e o seu previsíbel apoio á moción de censura que situará ao PP de novo á fronte do municipio bergantiñán.

"Volta ao pasado"

Os socialistas entenden que se trata dunha "volta ao pasado" que "non" ten maior obxectivo que "o asalto ao poder" ademais "doutros fins ocultos e opacos" como, ao seu xuízo, se desprende do feito de que os populares non ofrecesen explicacións sobre a presentación da moción de censura, asegurou Pardo, quen se comprometeu a realizar unha oposición "propositiva" para recuperar o Goberno local nas próximas eleccións.

O responsábel socialista na comarca, José Antonio Viña, vaticinou "o regreso das leas" entre PP e Alfredo Cañizo. "Volverá haber batifondos monumentais despois dun ano de inacción. Ese é o futuro de Malpica", apostilou.

Pola súa banda, o secretario de Organización da Coruña, José Manuel Lage, cre que a moción representa "as peores prácticas que hai na política" e pon en evidencia que o PP "non respecta a decisión do pobo de Malpica que pediu un cambio" nas urnas.

"O único interese é a toma do poder por parte dos que xa durante oito anos tiveron parado o concello", remarcou o tamén edil na Coruña, que defendeu a xestión levada a cabo por Pardo nos seus dous anos á fronte dun Goberno que abandonará "sen deixar ningún morto no armario".

Comentarios