Moción de censura en Malpica contra o Goberno de coalición de PSOE e BNG

Tras a presentación da moción, na mañá desta quinta feira, ábrese un prazo de 10 días para convocar o pleno extraordinario no que se debaterá e se votará. 
Malpica de Bergantiños (Foto: Europa Press)
photo_camera Malpica de Bergantiños (Foto: Europa Press)

A ruptura do Goberno local do Concello de Malpica de Bergantiños co abandono do concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo -electo por Ciudadanos en 2019 e agora líder de Alternativa dos Independentes de Malpica- fixo posíbel a moción de censura que veñen de presentar, na mañá desta quinta feira, os seis concelleiros do PP na localidade mais o edil Alfredo Cañizo.

O pacto entre o concelleiros do grupo popular e o líder de Alternativa dos Independentes de Malpica para desbancar da alcaldía o socialista Walter Pardo foi adiante tras confirmar este, hai xusto unha semana, a súa saída do Executivo local.

Intereses persoais

Un paso adiante que dixo tomar tras meses de meditación e que atribuíu á "parálise" do municipio e ao "ninguneo" que denuncia sentir por parte do actual rexedor, quen o acusa de  perseguir "intereses persoais" e de querer "escapar das normativas dos procedementos administrativos legais".

Neste contexto, o voto de Alfredo Cañizo serve de bisagra entre a suma dos concelleiros de PSOE (4) e BNG (2) e os seis que teñen os populares de Malpica.

Tras a renuncia de Cañizo a seguir formando parte do Goberno municipal mais sen renunciar a súa acta de edil, a pasada fin de semana iniciaron as negociacións para impulsar un mando alternativo, encabezado polo candidato á alcaldía Eduardo Parga.

A moción de censura confirma o acordo para acabar co Goberno de coliación de  PSOE e BNG. Agora, ábrese un prazo de 10 días para convocar o pleno extraordianrio no que se debaterá e votará a moción de censura, e que podería ter lugar o vindeiro 2 de setembro.

Municipais de 2019

Nas eleccións municipais do 26 de maio de 2019, o PP perdeu a maioría absoluta ao retroceder un edil e quedar en seis. O PSOE foi a segunda forza máis votada, con catro edís, mentres que o Bloque obtivo dous representantes e Cs un.

O acordo entre socialistas, nacionalistas e Cañizo permitiu a conformación dun Goberno de coalición encabezado polo rexedor Walter Pardo (PSOE) e no que o edil electo por Cs asumiu as áreas de seguridade cidadá, tráfico, servizos, medio rural e turismo.

Comentarios