domingo 25/10/20

A moción de censura faise agardar en Ourense

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, abre a porta a calquera saída para botar a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía.
Ourense
Gonzalo Pérez Jácome e José Manuel Baltar. (Foto: Europa Press)

A cidade de Ourense foi o prezo que pagou o Partido Popular para blindar a José Manuel Baltar na presidencia da Deputación. Malia ser conscientes das consecuencias da decisión para os ourensáns, que levou a afirmar a Núñez Feixoo que “sería letal ter a Jácome de alcalde”, os populares acordaron con este o Goberno local para manter o Executivo provincial, o auténtico pau de palleiro sobre o que se sustenta o control político da circunscrición. Abondou con garantir a maioría no pleno da Deputación de Ourense sumando novas vontades e deixar pasar as eleccións galegas para que Baltar decidira desaloxar a Jácome e tentara tomar o control da cidade. 

A retirada do apoio a Jácome agocha unha operación máis de fondo de Baltar, tendente a unificar a dereita na cidade e a reforzar a súa posición no partido fronte ao sector de Núñez Feixoo, cuxa cabeza máis visíbel é o anterior alcalde, Jesús Vázquez.

Os movementos das últimas semanas deixan claro o retorno á órbita do baltarismo dunha parte de Democracia Ourensá, concretamente aquela nucleada arredor dos catro concelleiros que abandonaron a Jácome, e tamén de Ciudadanos, liderado polo ex concelleiro popular, José Araújo. Araújo, noutrora moi crítico con Baltar como persoa próxima a Manuel Cabezas, é considerado nos mentireiros políticos da cidade como o auténtico voceiro de Baltar neste proceso.

Sexa como for, as reunións convocadas por Araújo están resultando chaves á hora de facilitar as conversas entre os grupos, mais sobre todo para fixar de cara á cidadanía o relato sobre as responsabilidades políticas e estabelecer culpas a respecto das razóns do retraso dunha moción de censura na cidade.

Precisamente, na última delas, o Partido Popular abriu a porta a un Goberno alternativo a Jácome presidido polo socialista Rafael Villarino e apoiado desde dentro do Executivo por concelleiros do PP. "Non se trata de apelidos" ou "identidades de partido" senón de presentar "unha cabeza visíbel cun programa en aberto para o desenvolvemento da cidade", sinalou o representante dos populares, Jesús Vázquez.

A proposta do PP formula problemas nas filas da oposición de esquerdas. Mentres, desde o BNG apostan por “unha moción de censura que coloque no Goberno a lista máis votada”, en relación á candidatura socialista, desde o PSOE non se fechan a ningunha alternativa, porén a maioría da súa afiliación aposta por un Executivo de Villarino sen presenza do Partido Popular. Neste liña, o sector da formación crítica con Villarino e liderado pola ex deputada Noela Blanco demanda o desenvolvemento dunha asemblea para tomar unha decisión, algo que non é do gusto da dirección do partido na cidade.

Gonzalo Caballero fixo chegar onte a súa posición sobre o tema. O secretario xeral dos socialistas galegos non descarta "ningunha opción" mais sinala que "se o PP quere colaborar, pode facelo dunha forma moi sinxela, pondo un voto, unha firma, un apoio de carácter técnico, dun dos seus concelleiros. Non fai falla sequera sete. Se quere desbloquear hoxe, non ten máis que pór unha sinatura nunha moción de censura asinada por todas as forzas que están na oposición e que non foron cómplices do que ocorreu". Non obstante, o PP mantense firme en formar parte do Executivo local que suceda a Jácome, onde as xentes de Feixoo agardan facerse fortes ao ser abandonadas por Baltar nesta nova conxuntura.

comentarios