A moción de censura encalla en Ourense

A posición de PP e Ciudadanos blinda Pérez Jácome na alcaldía
José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. Foto Europa Press
photo_camera José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Gonzalo Pérez Jacome comerá as uvas como alcalde de Ourense. Se a posición expresada a pasada semana polo Partido Popular de impedir un Goberno local liderado polo candidato da lista máis votada, o portavoz do PSOE, Rafael Villarino, dificultaba unha moción de censura, a proposta formulada onte polo portavoz de Ciudadanos, José Araújo, fecha aínda máis a porta a esa posibilidade. A este respecto, os grupos da oposición de esquerda na corporación municipal reiteran a súa alternativa dun Executivo que respecte a vontade das urnas e apostan como alcalde polo cabeza de cartel da candidatura con máis apoios electorais.

A reunión convocada por José Araújo serviu para certificar as diferenzas entre os grupos da oposición. A cita, á que non foi convocado o BNG, e da que se ausentou o PSOE, contou coa presenza do PP e dos concelleiros escindidos de Democracia Ourensá.

Araújo defendeu un Goberno articulado arredor de PSOE, PP e Ciudadanos e propuxo para desbloquear a cuestión da alcaldía un mandatario escollido polos 18 concelleiros das formacións que apoiaran a moción de censura, un alcalde rotatorio entre as forzas do Executivo en función da representación do seu grupo ou un reparto deste cargo entre PP e PSOE.

Araújo referiuse ás diferenzas entre PP e PSOE e ás propias diverxencias internas dos socialistas para argumentar a súa alternativa. Segundo sinalaron a Nós Diario fontes da dirección do PSOE en Ourense, “a nosa proposta é clara e non ten volta de folla. Quen non queira Jácome na Alcaldía só ten que apoiar a moción de censura que entregamos nunha notaría da cidade. O resto son escusas de mal pagador para non cambiar nada no concello”.

Ao tempo, estas mesmas fontes restaron importancia ás discrepancias no interior da formación e afirmaron que “na agrupación de Ourense todos estamos aliñados cunha moción de censura nos termos da xa presentada”.

O Partido Popular aproveitou o seu encontro con Ciudadanos para reiterar o seu veto a Rafael Villarino, ao non consideralo “unha persoa axeitada por moitos motivos”. Segundo destacou ao remate da reunión o portavoz do PP en Ourense, Jesús Vázquez, “a nosa presenza na xuntanza amosa a vontade do PP de buscar solucións para unha situación extraordinaria, como partido de diálogo e consenso que somos”, mais discrepou con Ciudadanos a respecto dunha alcaldía rotatoria, xa que “a cidade precisa dun Goberno estábel”.

O BNG manifestouse moi crítico coa iniciativa promovida por Ciudadanos. “Hoxe reuníronse as dúas versións do PP, non para desbloquear a situación, senón para repartirse o poder como se de cromos se tratase. Só así se poden entender as propostas peregrinas formuladas pola marca branca do PP na cidade, Ciudadanos”, sinalou o portavoz dos nacionalistas, Luís Seara, quen instou eses dous partidos a “que non lle fagan perder máis o tempo a Ourense. O concello precisa variar o seu rumbo, precisa unha folla de ruta clara e sobre todo precisa dar resposta aos problemas cotiás da veciñanza”, dixo. 

Comentarios