FENE

Unha moción de censura baixo sospeita

Forzar o espírito do pacto antitransfuguismo para, mercé a unha resolución xudicial aínda pendente de recurso, se facer co Alcaldía de Fene. Iso é o que está a piques de perpetrar o PP, en colaboración con dous concelleiros de Somos Fene.

PONTON VISITA CONCELLO FENE2
photo_camera Ana Pontón con Juventino Trigo, na súa recente visita a Fene

Unha operación de enxeñería política que abeira a conculcación da normativa en vigor sobre o transfuguismo podería desprazar da Alcaldía de Fene esta quinta feira 26 de outubro o nacionalista Juventino Trigo (BNG).

Trigo defronta este 26-O  (12 horas) unha moción de censura formulada polo PP e por dous concelleiros de Somos Fene, candidatura municipalista que en setembro de 2016, eleccións galegas, pediu o voto para as listas de En Mareas.

Estes concelleiros deberían ter a consideración de tránsfugas e, portanto, non deberían estar en condicións de participar nunha moción de censura. Foron no seu día expulsos do partido instrumental polo que concorreron ás municipais de maio de 2015, o partido Participación Democrática Directa da Galiza, precisamente ante as sospeitas de que pensaban pactar co PP.  Luís Villares tamén declarou que ao apoiar o PP Somos Fene púñase fóra do espazo político de En Marea. A seguir á súa expulsión do PDDG, e por un acordo plenario, os edís foron asignados ao grupo de non adscritos. Mais apresentaron un recurso perante a xuíz do contencioso administrativo de Ferrol, Ana Sánchez Sánchez, quen, sen sentenciar o asunto, ditou como medida cautelar a plena restitución de todos os seus direitos como concelleiros.

A partir dese momento, eses dous edís voltaban a seren utilizábeis nunha moción de censura, que finalmente foi apresentada polo PP co seu apoio.

A resolución da xuíza produciu de imediato a reacción do concello, que apelou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para esa medida cautelar ser anulada. Unha vez que a moción xa foi formulada, Esquerda Unida e o Partido Participación Democrática Directa da Galiza apresentaron tamén un seu recurso para, en atención ás novas condicións que concorren neste caso (concelleiros pretensamente tránsfugas a participaren nunha moción de censura), instar tamén a anulación da medida cautelar e, portanto, o retorno dos concelleiros eleitos por Somos Fene ao grupo dos non adscritos.

A frente xudicial non se esgota aí. A Alcaldía apresentou tamén un escrito contra a convocatoria do pleno co argumento de que, de prosperar a moción de censura, se estarían a violar direitos fundamentais dos concelleiros da equipa de goberno e do alcalde.

“Se finalmente o TSXG nos dá a razón, e se o fai despois de se realizar a moción de censura, como se instrumentaría o meu retorno á  Alcaldía. Através de que procedimento”?

A xuíza rexeitou, segundo soubo Sermos Galiza, quer o recurso de EU e PDDG quer o da alcaldía. E co mesmo razoamento de fondo: que non existiría conculcación de direitos na eventualidade de a moción prosperar porque, de aceitar finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a apelación contra a resolución xudicial inicial (a que restituía plenos direitos aos concelleiros de Somos Fene), o actual alcalde sería “reposto no seu cargo”.

“Todos os informes xurídicos que temos dinnos que iso é unha aberración”, di a Sermos Galiza Juventino Trigo. “Se finalmente o TSXG nos dá a razón, e se o fai despois de se realizar a moción de censura, como se instrumentaría o meu retorno á  Alcaldía. Através de que procedimento”?, pergúntase.

En teoría, o TSXG ten aínda tempo para resolver o asunto antes da realización do pleno axendado para esta quinta feira. “O recurso está aí e tempo haino. Veremos que acontece. Está en xogo a seguridade xurídica e o direito  das veciñas e dos veciños a teren o goberno que realmente votaron”, explica Trigo. “Está claro que o eleitorado de Somos Fene non foi votar para que houbese un alcalde do PP”, engade o alcalde de Fene, quen esta semana recebeu o respaldo da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha visita a Ferrolterra.

Comentarios