Mocidade pola Independencia mobilizarase o 24 de xullo reivindicando futuro para a xente moza

A mocidade independentista erguendo Galiza é o lema co que a manifestación xuvenil convocada pola rede de asembleas locais que conforman Mocidade pola Independencia percorrerá as rúas de Compostela o 24 de xullo, até rematar na Praza de Cervantes cun acto político e un concerto en acústico do grupo Dakidarría.
 

Mobilización xuvenil pola independencia, 24 de xullo de 2018 [Imaxe Mocidade pola Independencia]
photo_camera Mobilización xuvenil pola independencia, 24 de xullo de 2018 [Imaxe: Mocidade pola Independencia]

Na véspera do Día da Patria Galega realizarase en Compostela a marcha que, baixo o lema A mocidade independentista erguendo Galiza, reivindicará soberanía nacional e futuro para a xuventude.

Cartel Mocidade pola IndependenciaEsta mobilización partirá ás 20 horas desde a alameda de Compostela e está convocada pola rede de asembleas locais denominada Mocidade pola Independencia, que se define como “un espazo de encontro de diversas sensibilidades no seo do soberanismo e o independentismo xuvenil”.

Unha das persoas responsábeis da organización da mobilización explica a Sermos Galiza que a convocatoria xurdiu o pasado 18 de maio no encontro das asembleas abertas locais que conforman esta rede. Ademais de debateren sobre principios ideolóxicos asentados no soberanismo, feminismo e ecoloxismo, marcaron a data e formato desta manifestación xuvenil. “O acto rematará coa lectura dun manifesto político na Praza de Cervantes e coa actuación musical en acústico do grupo Dakidarría”, sinala.

A convocatoria xurdiu o pasado 18 de maio no encontro das asembleas abertas locais que conforman esta rede

Mocidade pola Independencia chama na convocatoria a apostar na República da Galiza como vía para necesaria para erguer un futuro “radicalmente diferente” para o pobo traballador galego e a mocidade.

Fan ademais unha apelación directa á mocidade da clase obreira a rebelarse “fronte a crenza de que non existe alternativa ao modelo actual”, e sinalan que existe outra vía fronte á precariedade e á emigración masiva da mocidade galega, a crise demográfica, “o espolio dos nosos recursos e sectores estratéxicos a mans do grande capital foráneo”, fronte ao "declinio industrial e un modelo de industrias de enclave” e a destrución dos sectores produtivos. Nese sentido, afirman que a alternativa pasa por rachar co marco autonómico e coa dependencia da Galiza polo Estado español e a Unión Europea, e culpan esta última dun deseño económico “alleo e favorábel aos intereses do capital monopolista e transnacional”.

“Erguermos a única alternativa real, que pasa polo exercicio da independencia política e económica para o noso país, co poder político nas mans das clases populares nunha República galega", recolle o manifesto

“Erguermos a única alternativa real, que pasa polo exercicio da independencia política e económica para o noso país, co poder político nas mans das clases populares nunha República galega, rachando con o dominio do grande capital”, sinalan no manifesto da convocatoria como obxectivo da convocatoria.

Así mesmo, remarcan que o denominado “avance do fascismo” non se corresponde no Estado español “só cunhas determinadas opcións políticas”, senón que o fascismo está nos “aparatos do Estado continuadores do franquismo”, e poñen como exemplo a detención de catro independentistas acontecida en xuño na Galiza.

Comentarios