A mocidade nacionalista reivindica a Patria Galega

Galiza Nova homenaxea Rosalía de Castro e Daniel Castelao na véspera do 25 de xullo. 
Ana Pontón e Paulo Ríos, onte, no parque de Bonaval, Compostela (Imaxe: Arxina)
photo_camera Ana Pontón e Paulo Ríos, onte, no parque de Bonaval, Compostela (Imaxe: Arxina)

Como cada 24 de xullo, Galiza Nova, a organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego (BNG), realizou a homenaxe da mocidade a Rosalía de Castro e Daniel Castelao. O acto desenvolveuse no parque de Bonaval (Compostela) e contou coa intervención do secretario xeral das mocidades nacionalistas, Paulo Ríos, electo deputado o pasado 12 de xullo. "É o momento de sumar máis mocidade á loita e máis mans ao traballo iniciado por Rosalía e Castelao", dixo Ríos, asegurando que non renunciarán nin a un presente nin futuro dignos para a xuventude.

"Tócanos loitar por unha patria liberada onde poidamos vivir dignamente, e de nós depende  conquistar os nosos dereitos", afirmou Ríos, denunciando os "momentos difíciles" que atravesa a mocidade galega. "A pegada dunha nova crise e a aplicación das mesmas receitas de sempre, as do neoliberalismo, van deixar máis precariedade e miseria", advertiu, chamando a organizarse no nacionalismo para trazar un futuro distinto. 

 Ao remate do evento, no que tamén interviron Iria Carreira e Daniel Castro, militantes de Galiza Nova e parlamentares electos o 12-X, comezou unha foliada e procedeuse a realizar unha ofrenda floral a Rosalía e Castelao no interior do Panteón de Galegos Ilustres. 

"Non vos imos fallar", di Pontón á mocidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto de homenaxe e aproveitou para agradecer o apoio xuvenil ao Bloque nas urnas. Recalcou a nacionalista, líder da oposición na Galiza, que o voto da mocidade "tivo un peso decisivo no histórico resultado electoral da formación".

“Quero agradecer a vosa confianza e deixar claro o compromiso de que non vos imos fallar", dixo Pontón, que asegurou que seguirán "sumando rebeldía, entusiasmo, ilusión para en 2024 facer posíbel o mandato da mocidade: abrir un tempo novo na Galiza, en que a xuventude sexa a protagonista”, proclamou.

“Hai un ano pedíavos que sumásedes máis mocidade a Galiza Nova e ao BNG e hoxe estamos nun gran momento para facer posíbel esa suma, con xenerosidade e coa man tendida, sen renunciar aos nosos principios,  porque sen eles non seríamos nada, pero con amplitude de miras para unir toda a xente nova que comparte o amor por Galiza", aseverou Pontón. 

Comentarios