Mobilización gandeira na Coruña exixe “prezos xustos” para o leite

Centos de produtores concentráronse diante da Delegación do Goberno español.

 

Unións AGrarias
photo_camera Imaxe da protesta gandeira ditante da Delegación (UUAA).

Centos de gandeiros e gandeiras concentráronse esta cuarta feira diante da Delegación do Goberno, convocados por Unións Agrarias, para rexeitar o uso do leite como “produto reclamo" por parte das empresas distribuidoras, e pedir un prezo xusto.

Con bombos e sachos, as concentradas instan Xunta e Goberno español a tomar medidas ao respecto, demandando un Real Decreto que obrigue as industrias a non pagar por baixo do custo de produción. Lembran que ese custo por litro na Galiza móvese entre 32 e 34 céntimos o litro mentres o que se lles paga moitas veces non supera os 30 céntimos.

Unha delegación foi recibida por Javier Losada, delegado do Goberno español na Galiza.

Roberto García (UUAA lembrou as protestas protagonizadas polos gandeiros e gandeiras de leite do 2015 e lamentou que "catro anos e medio despois" aínda se dá "a mesma situación" de 'dumping' a pesar do acordo asinado entón. Así, criticou a pouca "transparencia" da industria do sector e evidenciou que as cadeas distribuidoras "seguen usando" o leite como produto reclamo "para gañar consumidores e non compradores".

"Seguen con prezos de hai cinco anos, a 56 céntimos o litro. Esas mesmas cadeas que uns quilómetros despois, en Francia, un país excedentario, ten o prezo a 73 céntimos", insistiu García, para despois urxir a convocatoria da mesa do acordo lácteo.

E é que, tal e como explicou o secretario xeral de UU.AA., mentres a produción supón un gasto de 32 céntimos por litro para os gandeiros, a industria imponlles un prezo de compra ao redor dos 30 céntimos: "E se non asinas, dinche que xa non che compran máis".

Comentarios