Mitin de Ciudadanos na Coruña sen participación dos cabezas de lista por Galiza

No acto no Palacio da Ópera da Coruña só falaron a número 3 por Madrid, Marta Rivera de la Cruz, e a portavoz do partido en Catalunya, Inés Arrimadas. 

ciudadanos coruña
photo_camera (Imaxe: Ciudadanos)


O único mitin previsto por Ciudadanos esta campaña electoral en Galiza non contou coa participación dos cabezas de lista da formación nas provincias galegas, presentes no acto. Falaron no seu lugar a portavoz en Catalunya, Inés Arrimadas, e a escritora galega e número 3 por Madrid, Marta Rivera de la Cruz, ante decenas de persoas 

Arrimadas centrou o mitin –celebrado no Palacio da Ópera da Coruña– no debate que esta segunda feira celebraron os líderes de PP e PSOE, Mariano Rajoy e Pedro Sánchez. A voceira da formación laranxa considerou que o cara a cara foi “a maior demostración de que se acabou unha era política” e presentou a Ciudadanos como o único partido “capaz de unir aos españois”.

A número 3 por Madrid saíu ao paso das críticas pola falta de propostas para Galiza, como afirmara o cabeza de lista pola Coruña, Antonio Rodríguez. “Galiza ten unha parte moi importante no programa de 400 páxinas de Ciudadanos”, defendeu Rivera de la Cruz, que apuntou a mellora das infraestruturas internas do país e o fomento de negocios sostibles no rural.

Tampouco estivo presente o líder Albert Rivera, que onte declinou acudir ao mitin. Participou a través dun vídeo onde apelou á participación “se non queremos ver o que vimos onte nese debate do bipartidismo decadente”.  
 

Comentarios