Miranda pide o "o voto obreiro" para o BNG

Mitin do BNG en Ferrol e Ana Miranda pide desacomplexadamente o "voto obreiro" para o nacionalismo galego. A candidata da formación frentista cargou contra PP e PSOE, os que acusou de "afundiren" o sector naval da comarca".

ferrol 1
photo_camera O Teatro Jofre, ateigado


O BNG irá ao Parlamento europeu coa intención de traballar politicamente para "sacar adiante a construción do dique flotante", dixo a número 1 nacionalista a Bruxelas nun Teatro Jofre ateigado.

"Non imos permitir que un veto sexa substituído por outro, non imos permitir que 30 anos de veto á construción civil sexan substituídos por un impedimento á reparación de buques nos estaleiros de Ferrolterra”, engadiu Miranda.

Ana Miranda denuncia que Ferrolterra é vítima "deste modelo de Europa" co que colaboran "submisos" PP e PSOE

Ferrolterra apresenta unha taxa de desemprego verdadeiramente dramática, por volta do 32%, a máis alta das comarcas galegas, en moi boa parte, reflectiu Miranda, consecuencia da aplicación das políticas da UE e da Troika que, dixo, "aplica o PP e que nos levan á ruína e á desesperación".

Proclamou a cabeza de lista nacionalista que o BNG é "o único que non lle fallou a Ferrolterra en Bruxelas cando fixo falta defender o sector naval pedindo o levantamento do veto e a construción do dique flotante".

Ferrolterra sería vítima de "este modelo de Europa" e tamén da colaboración "submisa" cos designios da troika por parte do PP e do PSOE. "Foi o PSOE quen nos anos 80 iniciou a demolición do sector e foi o PP quen lle deu continuidade”, denunciou.
 

Comentarios