Miranda: “A defensa dos intereses galegos sempre a fixo o BNG, non competimos con ninguén”

A candidata do BNG fixo un chamamento ao voto nacionalista e de esquerdas fronte a unha UE secuestrada polos lobbies e o bipartidismo

Ana Miranda no Parlamento europeo
photo_camera Ana Miranda no Parlamento europeo

A candidata do BNG, Ana Miranda, bateu contra o “bipartidismo armónico e españolista” que deixou “tirada a Galiza” e agora intenta silenciar a campaña das europeas chamando á abstención. “As opcións son votar contra os recortes e a corrupción ou quedar na casa e deixarlles barra libre”, asegurou nunha entrevista no diario El País.

Miranda criticou que tanto PP como PSOE acaban por aliarse nos temas cruciais en Europa, en moitas ocasións baixo a influencia dos lobbies. Por iso, a cabeza de lista da fronte nacionalista fixo un chamamento en prol dos intereses galegos fronte a unha Unión Europea que definiu como “profundamente antidemocrática”. “

Inquirida sobre se o BNG e AGE se disputan o voto do desencanto, Ana Miranda respondeu:  “Temos unha experiencia, unha lealdade co país. Non competimos con ningúen, presentámonos para facer ver que a defensa dos intereses galegos sempre a fixo o BNG, sempre estivemos dando a cara.

Defendeu a necesidade de estar presentes no Europarlamento “a única institución que eliximos e que ten máis competencias que nunca” e situou o prolema na existencia da Troika, pola que pasan hoxe as grandes decisións comunitarias. “Hai unha suplantación democrática das institucións dende Maastricht”.

Miranda asegurou que ao BNG “non o presiona ninguén” porque a única influencia é a do pobo galego, “o noso lobby”. Mostrouse aberta a continuar coas alianzas de nacionalistas, grupos verdes e a esquerda en xeral que levan anos forxándose en Bruselas.

Miranda asegurou que ao BNG “non o presiona ninguén” porque a única influencia é a do pobo galego “o noso lobby”

“Temos unha ampla experiencia de traballar con outros grupos por un fin social, por facer unha política humanizada”, manifestou a candidata do BNG, que recordou como grupos de esquerda de outros países defenderon mellor os intereses da Galiza que os partidos españois.

“PP e PSOE aliáronse para frear un informe crítico da Eurocámara sobre as rías mentres diputadas de Verdes-ALE [unha letona e outra austriaca] se comportaron como galegas”, puntualizou.

A cabeza de lista do BNG recoñeceu que os fondos europeos que recibiu o país foron mal administrados polo PP. “Porque o que distribúe é Madrid, por eso pedimos que se faga dende Galiza”.

Comentarios