Miranda afirma que "Galiza non existe para os partidos de Madrid"

"O BNG non vai a Europa a premer o botón nin a un retiro dourado", asegura o voceiro da formación, Xavier Vence, nun acto electoral xunto á candidata nacionalista en Ponteareas.

Ana Miranda
photo_camera Ana Miranda

A cabeza de lista do BNG, Ana Miranda, afirmou que “para os partidos de Madrid Galiza non existe e os galegos e galegas tampouco existimos”. Nun mitin en Ponteareas xunto ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a candidata nacionalista dixo que “non hai nada máis inútil para Galiza que votar ao PP ou votar aos partidos de obediencia madrileña para os que Galiza e os galegos sempre poden esperar, porque teñen outras prioridades”. A estes eurodeputados do PP e do PSOE, “que votan o que lles din en Madrid” chamoulles “apretabotóns” Vence.

Ante un auditorio entregado, Ana Miranda dixo que o 25 de maio “é a oportunidade de dicirlles a todos estes que dende Madrid din que non existimos que aquí está o pobo galego” e de dicir “basta” a esta Europa antisocial e antidemocrática. “O voto ao BNG vale dobre, porque vale para que Galiza sexa respectada como nación en Europa e vale para ao mesmo tempo para parar a Troika, para parar a política de recortes e para parar aos secuaces políticos que as executan”, manifestou. “O 25 de maio é a oportunidade de votar por Galiza, de rebelarnos, de que saiban que existimos, que Galiza existe e que loita polo seu futuro. E a mellor maneira de facelo é votar BNG, o equipo da casa”, proclamou Ana Miranda.

Comentarios