Ana Miranda vería ben que o BNG vaia ás europeas en coligación con soberanistas vascas e catalás

A eurodeputada do Bloque aposta, en conversa con Sermos Galiza, por que a organización frontista acuda aos comicios europeus do vindeiro 2014 con forzas soberanistas de Euskal Herría e Catalunya. Critica con dureza o carácter antidemocrático da Comisión e o Consello europeu dos que di que "están ao servizo da Alemaña conservadora". Imaxe: Delmi Álvarez

Ana Miranda [Imaxe: Delmi Álvarez]
photo_camera Ana Miranda [Imaxe: Delmi Álvarez]

Após máis dun ano como deputada do Parlamento europeo, Ana Miranda non quere facer balanzo da súa pegada na institución comunitaria. "Iso ten que valoralo a xente". No entanto, salienta ter desenvolvido un traballo "moi intenso" a prol dos intereses de Galiza e recoñece que "se o BNG non estivese" en Bruxelas "os asuntos galegos non se tratarían". 

Miranda defende "o carácter democrático" da Eurocámara, mais critica "os défices" do Consello e a Comisión dos que di "é evidente" que están "ao servizo da Alemaña conservadora" que procura a "neoliberalización" das políticas comunitarias. 

A europarlamentar do Bloque --que toma parte da Alianza Libre Europea-- valora as "grandísimas afinidades" das formacións que conforman o seu grupo no que, di, "facemos un traballo de equipa, colectivo". De cara ás vindeiras eleccións ao Parlamento europea aposta en que a organización frontista concorra en coligación con "forzas soberanistas catalás e vascas" tanto por un "interese ideolóxico" como polas dificultades para obter escano nuns comicios caracterizados pola "fragmentación do voto". 

A entrevista íntegra podes lela no número 48 do semanario, á venda xa nos quiosques do país e na nosa loxa virtual

Comentarios