Miranda acha "moi prexudicial" para a causa saharauí a designación de Borrell como chanceler da UE

Non sería unha boa noticia para os dereitos do pobo saharauí o eventual nomeamento de Josep Borrell como ministro de Asuntos Exteriores da UE. Así o considera Ana Miranda. A nacionalista mantivo esta quinta feira un encontro con representantes dun pobo que sofre a dura represión do Estado marroquino.

 

REUNION MIRANDA REPRESENTANTES SAHARUÍS
photo_camera Ana Miranda, após a reunión co delegado do Polisario na Galiza (na foto, á súa dereita) e integrantes de Sogaps.

A portavoz do BNG en Europa e coordenadora da Área Internacional da formación nacionalista, Ana Miranda, viuse en Vigo co delegado saharauí na Galiza, Mohamed Zerga, ben como con integrantes da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), encabezados pola súa presidenta, Maite Isla.

O encontro, que tivo lugar na sede de SOGAPS, prodúcese nun contexto marcado polo recruamento da represión marroquina nos territorios saharauís ocupados por Rabat, unha ofensiva saldada coa recente morte dun activista polos dereitos do pobo autóctono do Sáhara occidental.

Miranda trasladou aos seus interlocutores a solidariedade do BNG coa causa saharauí e as xestións realizadas polo grupo Os Verdes-ALE, en que se acha encadrado o Bloque na Eurocámara, en relación a esta cuestión. En concreto, o envío dunha carta á Alta Comisionada de Asuntos Exteriores da UE, Federica Mogherini, en que se lle pide "que tome cartas no asunto" perante a escalada da represión nos territorios ilegalmente ocupados por Marrocos.

A portavoz nacionalista en Bruxelas manifestou na reunión a súa inquietude por que o relevo de Mogherini poda ser o actual ministro de Asuntos  Exteriores español en funcións, Josep Borrell. "Sería unha moi mala nova para a causa deste pobo, tendo en conta a actitude de deixar facer que o Estado español ten con Marrocos, tamén baixo o actual goberno de Pedro Sánchez”, considerou Miranda.

Comentarios