O debate minuto a minuto

A primeira xornada do debate sobre o estado da nación narrada en tempo real. 

Suspéndese a sesión até a quinta feira. 

  • "Galiza está mellor que as demais Comunidades autónomas", di o presidente da Xunta, unha das frases máis escoitadas ao líder do executivo galego durante a primeira xornada do debate sobre o estado da nación.
  • Do "problema territorial" Núñez Feijóo fala do "acordo" entre ERC e o goberno de Madrid --en mans do PSOE-- "nunca van ter suficiente" lle di a Méndez Romeu mentres rexeita que Rajoy teña a ver coa quebra do modelo territorial autonómico. 
  • Feijóo di que se as Universidades non poden contratar "aqueles investigadores" que poidan acreditar a súa condición "internacionalmente", será a Xunta quen os contrate. 
  • Feijóo di que el "non rachou o pacto de normalización lingüítica" e acusa de iso ao bipartito ao tempo que di "nós restauramos o plano de normalización". 
  • "Son español e en consecuencia galego". Feijóo racha as vestiduras na defensa da unidade territorial do Estado. "Deixen de imitar a outros" di o presidente ao BNG.

Toma a palabra o presidente da Xunta para fechar o debate

  • Puy lémbralle ao PSdeG que apoiaron a reforma da Constitución e máis da lei de caixas.
  • Pedro Puy declina en nome do seu grupo apoiar as dúas propostas de acordo achegadas polo voceiro do PSdeG. 

Pedro Puy intervén como voceiro do grupo parlamentar popular

  • Bate contra a reforma local por "baleirar os concellos de competencias" e outorgar maiores competencias ás deputacións. 
  • "Sabemos da deriva secesionista" catalá, di M. Romeu, "que lle di vostede a Rajoy?". Se a situación territorial está peor do que hai un ano din @s socialistas é "en parte" responsabilidade do PP, afirma o seu voceiro.
  • Méndez Romeu aclara que a proposta do seu grupo visa que NGB permaneza como "unha banca comercial, privada" mais radicada "no país". "Vostedes son os que a queren levar fóra", retruca. 

Quenda de Méndez Romeu polo PSdeG-PSOE

  • Remata o voceiro de AGE con "dúas anécdotas". Un chiste de cando "Fraga era ministro de información" na ditadura. E un conto.
  • "É vostede un desclasado" e "acomplexado", lle espeta Beiras ao presidente.
  • Beiras asegura que non se deixará provocar polo presidente da Xunta de Galiza porque, di, só se deixa provocar "cando quero e me interresa". 

X.M. Beiras, voceiro de AGE

  • "Para dialogar hai que escoitar", pídelle Jorquera a Feijóo que "escoite á oposición" e "á rúa" e que "abandone a arrogancia". 
  • "Ten proposta o goberno de Galiza a respeito do modelo de financiamento?" inquire o portavoz do BNG a Feijóo após este pór en dúbida a viabilidade da proposta nacionalista. "O seu aínda non o coñecemos".
  • O voceiro do Bloque acusa ao goberno da Xunta de "aceitar unha mudanza da lei de caixas" que permitiu aos antigos xestores das entidades "pilotar" o proceso de fusión e axustalo aos seus intereses. 
  • Lembra a Feijóo que o delegado territorial de Ourense --membro do goberno galego-- está imputado após este asegurar que "ninguén" do seu executivo o está. 
  • O voceiro do Bloque pregunta "que pasa con contratos de Pemex?". Acusa ao PP de desleixo co sector naval e de non exercer como goberno de Galiza na materia. "Os traballadores do naval están todos os días na rúa para felicitalo pola súa xestión", brinca Jorquera en relación coa loubanza que Feijóo fixo da súa xestión co sector. 

Jorquera Caselas polo BNG

Comezan as quendas de réplica dos grupos da oposición

  • Feijóo di que "até hai ben pouco" os tratamentos de prescrición hospitalaria se "collían nas farmacias das rúas". No entanto, esas medicacións están suxeitas a control médico e foron sempre de dispensación nos complexos hospitalarios. 
  • Feijóo enrócase nunha pingueira de cifras que teima en comparar coa "media de España" para asegurar que "Galiza está mellor" que os demais. 
  • Feijóo bate contra as demais forzas do hemiciclo por facer, di, "oposición de camisola e pancarta".  
  • Núñez Feijóo brinca co acordo acadado entre Anova e o representante de Compromís nas Cortes españolas ao que o voceiro de AGE responde "non hai ningún pacto, mamón". Pilar Rojo chámao á orde. 
  • O presidente da Xunta responde a Beiras dicindo que "nas aldeas" se ensina "a pagar o que se debe" e a "non gastar máis do que se ten" ao tempo que di "nas familias con grandes patrimonios" quizais non for así. 
  • "Castelao non era independentista" afirma Núñez Feijóo en resposta a Francisco Jorquera. 
  • O presidente da Xunta di que en Europa "non hai bancos públicos", desde as bancadas do grupo parlamentar do BNG lémbranlle algunhas deputadas que Alemaña conta con caixas nos Länders (Estados federados) con entidades financeiras de xestión pública. 
  • "No meu goberno non hai ninguén imputado", asevera Feijóo, logo de que a equipa de goberno de Compostela fora imputada na súa práctica totalidade a pasada segunda feira. 
  • Feijóo louba a súa política en materia naval e acusa á oposición de deixar "o sector quebrado". Porén, após 5 anos de goberno do Partido Popular en Galiza e de se comprometeren a "cortar chapa" desde 2009 os estaleiros permanecen sen carga de traballo.
  • Feijóo fala de "fluxos migratorios" que acreditan que en 2012 un 2,1% de moz@s saíron de Galiza. Para o presidente isto reflicte que saen máis "doutras comunidades" polo que "é un problema inferior". 

Rematan as intervencións dos grupos parlamentares. Quenda de resposta de Alberto Núñez Feijóo.

  • Puy di que o discurso do presidente da Xunta fixo o "discurso da concordia" fronte a quen ofrece "permanentemente a discordia". O voceiro di que "ninguén pode negar" que " Feijóo ofreceu diálogo". 
  • Propor "reforzar a diginidade política" do Parlamento. "Que pensarían Brañas, Castelao ou Piñeiro", di Puy, perante o que considera unha "situación degradante" da Cámara da que acusa á oposición. 
  • Di sentirse sorprendido porque forzas políticas da Cámara apoien a independencia de Catalunya. Bate mesmo contra o PSOE polas propostas federalistas presentadas. 
  • Puy bate contra o "movemento soberanista" que di procura "rachar" coa Constitución "da solidariedade" asinada en 1978. Tira de enquisas do CIS para asegurar que "Galiza non é nacionalista". Amósase contrario ao soberanismo "por ideoloxía" e "intereses". 
  • "Imos seguir protexendo á xente" di Puy en relación aos desafiuzamentos.
  • "Se estamos mellor que a media, será que algo se fixo", di Pedro Puy a Méndez Romeu, voceiro do PSdeG. 
  • Aplausos nas bancadas populares ao voceiro do grupo cando este louba as medidas anunciadas por Núñez Feijóo esta mañá. O partido que apoia o goberno gábase da xestión política e económica da Xunta que di, sitúa a Galiza á cabeza dos indicadores macro-económicos. "Galiza mellorou do posto 13 das CA ao posto 10" en materia de servizos sociais, afirma.
  • "Estamos fóra da recisión", di Puy ao tempo que asegura "España vai crecer o ano que vén". Nin sequera as institucións económicas internacionais do réxime avalan estas teorías defendidas polo Partido Popular. 
  • Puy coida que o presidente da Xunta "atinou" no seu discurso e nas valoracións e interpretacións que nel verteu. 
  • "Non estamos nunha sociedade de clases" senón "corporativa" di o voceiro popular en que o poder se distribúe en "círculos concéntricos". "Ese é o mundo que temos que pensar desde Galiza e as súas institucións", afirma. 
  • Pedro Puy comeza gabando as bondades da globalización. 

Quenda do voceiro popular, Pedro Puy

  • Méndez Romeu propón ao PP dous acordos para "saír da crise". Un plan de emprego neto dirixido cando menos a 30.000 persoas e o mantemento de NGB como entidade financeira galega. 
  • "Leva retirados 700 millóns de euros do gasto educativo", denuncia o portavoz do grupo socialista, "suprimiron 1.200 profesores e reduciron as bolsas universitarias nun 25%", critica Méndez Romeu. 
  • Méndez Romeu bate contra o "céntimo sanitario" que grava os carburantes. "Pagará o mesmo" unha familia de renda baixa que aquela que se atope entre as faixas de ingresos máis altas. 
  • "Señor Feijóo non conte co Partido socialista para seguir recortando aos pensionistas". Méndez Romeu repasa algunhas das últimas medidas do goberno de Mariano Rajoy e que non foron citadas, di, polo presidente da Xunta na súa intervención. 
  • Méndez Romeu anuncia as prioridades do PSdeG: a loita contra o desemprego, o mantemento dos servizos públicos e unha reforma fiscal. Sobre estes alicerces, di, atopará Núñez Feijóo o diálogo que procura no grupo socialista e cuxa oferta reiterou esta mesma mañá. 
  • En relación á anunciada rebaixa do IRPF para as rendas inferiores a 17.700 euros anunais, o voceiro do PSdeG asegura que non paliará a constante suba de impostos indirectos aprobada polos gobernos español e galego. 
  • Desde o PSdeG acusan ao goberno de Núñez Feijóo de "estar destruíndo" o Estado de benestar resultado do "pacto da Transición". Destruír ese "Estado social" é "baleirar a Constitución" española. 
  • "Anuncia medidas para resolver os mesmos problemas", afirma o voceiro do PSdeG, "sen dar conta dos resultados das súas políticas". Vivimos, di, Méndez Romeu, "moito peor" que hai anos. 
  • Méndez Romeu aconsella a Núñez Feijóo ver a exposición inaugurada no Parlamento que narra a pegada da pobreza e a exclusión social. "Non é de recibo que logo de 5 anos os traballadores estean a ser aplastados e as clases medias arruinadas", afirma, fronte os ricos "que están saíndo moi ben", di en verbas de Paul Krugman. 

Comeza a quenda de Méndez Romeu, novo voceiro do PSdeG-PSOE

  • Pilar Rojo pídelle a retirada a X. M. Beiras do termo "comando" como apelativo ao goberno galego. Beiras acepta a súa retirada da acta. 
  • "Estamos certos de que a cidadanía galega", di, "será motor" da quebra. "É a hora da rebelión cívica, dunha quebra democrática deste rexime democrático. Venceremos nós". Remata a intervención X. M. Beiras, portavoz de AGE. 
  • "Vostedes viven en habitáculos escuros, non palpan non perciben o drama social", denuncia Xosé Manuel Beiras. "Se houber agora eleccións", di, saben "que as perdería. Fagan a proba". 
  • O portavoz de AGE lembra na súa intervención algún dos conflitos operarios abertos no país como T-Solar entrementres se outorgan fondos públicos a empresas enerxéticas. 
  • Beiras revisa o "impacto" dalgunhas das actuacións do executivo liderado por Núñez Feijóo. A respeito do Parlamento asegura que a Cámara está sometida "aos arbitrarios" criterios da Xunta. "O Parlamento fai o que quere a Xunta". Aliás, denuncia que ningunha das comparecencias solicitadas pola oposición chegaron a porto, algo que di Beiras, non aconteceu nen sequera durante a "era fraguiana". 
  • "Vostede pasará ás crónicas que non á historia, como o enterrador" do país, espeta Beiras a Núñez Feijóo. 
  • "É un retorno ao franquismo sen Franco", denuncia Beiras en relación coa concentración de poder que as reformas do PP están a outorgar ás Deputacións provinciais. "Níos de caciques" que denunciaban Castelao e a Xeración Nós, lembra. 
  • "A dinámica política que os seus amos impoñen e vostedes practican", critica o portavoz de AGE, exerce un poder "despótico" que dá lugar a "un proceso deconstituínte" que consuma o fin da propia "Constitución de 1978" e "ametrallan" denuncia as competencias estatutarias con instrumentos como a reforma local ou da planta xudicial. 
  • "Ningunha de todas as decisións adoptadas pola UE teñen consistencia democrática", afirma Beiras en relación aos acordos alcanzados e defendidos nas institucións europeas. Tax-lease, pacto pesqueiro con Mauritania, PAC, PPC...
  • O voceiro de AGE asegura que a democracia "funciona ao revés" para Galiza sendo a UE a que adopta as decisións.  
  • "Este é o debate dunha nación, a galega". X. M. Beiras que lembra mesmo as verbas de Fraga na súa intervención. "E punto", sentencia ao igual que o fixo o ex-presidente da Xunta e ex-ministro franquista. 
  • Denuncia os fondos públicos destinados "á corrupta banca" en troca de investir en servizos sociais. "Son vostedes cipaios" que "defenden" os intereses de quen agrede ao pobo. Xosé Manuel Beiras chama a interpretar a realidade para asentar "as bases dunha alternativa real e efectiva" que pasa, di, "pola quebra" do réxime en favor da cidadanía. 
  • "Nen sequer ten señor Núñez escrúpulos" cando di que "Galiza cumpre" como "os labregos servos", asegura o portavoz de AGE. 
  • Beiras lembra as consecuencias da xestión política neoliberal e dos seus recortes apoiando as súas afirmacións nas denuncias de profesionais ou plataformas cidadás. "Non senten arrepío perante estes dramas", pregunta. 
  • O voceiro de AGE apela ás "vítimas" das "políticas austericidas". Asegura que cómpren "cadáveres sobre a mesa" para que se cuestionen "certas actuacións". 

Quenda de intervención de X. Manuel Beiras, portavoz de AGE

  • Jorquera conclúe de novo cunha cita, destarte, de Castelao asegurando que "nós non somos separatistas. vós sodes os separadores". 
  • Francisco Jorquera denuncia "o modelo colonial" da dereita cuxas consecuencias di, deixa "as nosas minas esquilmadas" e os "vales asolagados" por centrais hidroeléctricas mentres "os beneficios" emigran. O voceiro nacionalista defende "capacidade de decidir" de Galiza para xerir "os rexursos mineiros e enerxéticos".
  • "Non é posíbel corrixir as desigualdades nen exercer a democracia sen soberanía". O portavoz do Bloque defende superar "o actual marco político" pois "non serve para resolver os problemas dos galegos". Aliás, inquire a Feijóo "non se preguntou por que é máis difícil pescar hoxe en augas comunitarias após a entrada no mercado común?". Jorquera respónde: "Porque outros deciden por nós". 
  • "A súa posición", espeta o voceiro nacionalista a Núñez Feijóo, "conduce a Galiza á irrelevancia política". Mais "vosté", di, "prefire abrazarse a un cadáver", en relación ao Estado español porque, asegurou, "está ao servizo doutros intereses". 
  • O problema de Galiza, di Jorquera, "é que o que é vital" para o país "non o é para España". Jorquera di que Feijóo "actúa como cómplice necesario para que se expolie este país". O presidente da Xunta asegurou esta mañá na súa intervención que non existe "centralismo nen opresión nengunha", porén desde o BNG aseguran que "o noso sector eólico, a nosa pesca, o noso leite..." vese prexudicado por non responder aos intereses estatais. Pola contra, asegurou Jorquera, "Bankia, ese burato negro" absorve "a metade das axudas públicas á banca", non así NGB. 
  • O portavoz do grupo parlamentar do Bloque lémbralle ao Partido Popular a súa actitude ao longo da lexislatura. "Votan que non aquí e que si en Madrid". O PP actuou desta maneira até en dúas ocasións: coa quita das preferentes e coa creación dun centro de reparación naval en Ferrol e Vigo.
  • "Vostede non é críbel", "non cumpre nunca os seus compromisos", afirma Jorquera en relación ás promesas da Xunta de Galiza en relación co sector naval. "Dixo que os contratos de Pemex eran firmes e agora sabemos que iso era total e absolutamente falso". 
  • O voceiro do BNG acusa a Feijóo de exercer de "piquete de demolición" da cultura galega coa súa política pois, di, "gastan máis na calefacción e na limpeza do Gaiás que na promoción do talento audiovisual". Asemade, criticou con dureza o "decreto lingüicida" que tirou o galego das escolas. 
  • Francisco Jorquera cítalle a Feijóo a Castelao. "Castelao, o das medallas por se non se lembra", brinca o voceiro nacionalista. "Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma". 
  • O Bloque defende "autonomía fiscal plena" para Galiza fronte un modelo de financiamento asinado por Feijóo co que o país "perdeu máis de 1.000 millóns de euros". Segundo Jorquera, un "concerto económico" evitaría "que o diñeiro recadado emigre". 
  • Jorquera: "Cando hai pais que non poden dar de comer aos seus fillos vostedes estabelecen o repago nos comedores". O nacionalista denuncia que se aplique o decreto de comedores cando "hai pais que renuncian ao comedor" mentres as crianzas "teñen que ir cun bocadillo". 
  • O voceiro do BNG critica "a política de recortes" da Xunta de Galiza que di, procura "impor unha sociedade de ricos e pobres". Aliás, denuncia a política "de pan e circo". Unha "coartada", di Jorquera, "para seguir concentrando todo en Madrid". "Elogo din que non hai centralismo", espetou o nacionalista. 
  • Jorquera lémbralle a Feijóo as súas fotografías co narcotraficante Marcial Dorado. "O grave non son as fotos, o grave é o que revelan". O líder do exectuvo mantivo unha relación de amizade durante a década dos '90 con Dorado. Núñez Feijóo compareceu perante a Cámara para explicar esas imaxes.
  • "Que a realidade non me estrague un titular", así cre o voceiro do BNG que Feijóo "entende a política". Para o nacionalista o presidente da Xunta de Galiza semella "Dorian Grey" pois, di, "o único que lle preocupa é ocultar o seu verdadeiro retrato". 
  • Francisco Jorquera inicia a súa intervención recitando a Rosalía de Castro. "Este vaise, e aquel vaise, e todos, todos se van...". Así relata o portavoz do Bloque a emigración xuvenil que asolaga Galiza. "máis de 60.000 mozas e mozos", di, "tiveron que emigrar" nos últimos anos. 

Toma a palabra o portavoz do BNG, Francisco Jorquera

Continúa o debate coas intervencións dos grupos da oposición. 

  • Feijóo fala do "espírito de Angrois" no termo final do seu discurso. As deputadas e deputados do PP érguense para aplaudir ao seu líder. 
  • "O diálogo é posíbel", reitera o presidente da Xunta, "o entendemento non supón renuncias". A oferta de Núñez Feijóo destínase principalmente á bancada socialista coa que aspira a chegar a algún acordo nesta lexislatura.  
  • Feijóo pídelle aos grupos da oposición "que colaboren" e "cooperen". O presidente da Xunta fai unha arenga do "mundo occidental" co que di Galiza partilla "singraduras" ao tempo que, afirma, "non hai outro lugar no mundo onde os desexos de paz, solidariedade e dereitos humanos" se vexan "máis satisfeitos". 
  • O líder do executivo fala do "debate territorial que algúns están plantexando" en referencia ao proceso soberanista iniciado en Catalunya; un debate que, di Feijóo, non "atinxe soamente a unha comunidade". Asemade, pide que "ningunha forza política faga seguidismo cos que se afanan en destruír" o modelo territorial actual. "Nin hai centralismo nin opresión algunha", afirma o presidente, "reformemos sen destruír". 
  • O presidente da Xunta acusa "a algúns" a "comprender e mesmo xustificar actos terroristas". Núñez Feijóo apela de maneira velada a BNG e AGE e di que están "máis perto dos que practican a violencia que de presidentes e gobernos democráticos". 
  • Alberto Núñez Feijóo salienta que "a crise evidenciou a cooperación como a mellor fórmula" para "poder prestar os servizos públicos" e exemplifícao coas mudanzas introducidas no mapa territorial galego, nomeadamente coa fusión dos Concellos de Oza e Cesuras que foi recorrida por PSdeG e BNG. 
  • "Oito de cada dez euros" dos Orzamentos de 2014, di o presidente da Xunta, "serán destinados a servizos públicos". Núñez Feijóo di que elaborará unha Lei de control de calidade destes servizos para que "os galegos poidan contar cun seguro que fixe dereitos". 
  • O líder do executivo galego di que a Xunta "é o primeiro goberno" en pór en marcha un acordo entre xuíces e administración para "tenta evitar" os desafiuzamentos e gábase de apoiar ás persoas atinxidas polos mesmos. No entanto, só nos primeiros 6 meses do ano foron executados 400 despexos en Galiza. 
  • Feijóo anuncia que esta sexta feira o Consello da Xunta aprobará os Orzamentos para 2014. Nas novas contas di, reducirase o tipo do IRPF para as rendas inferiores a 17.700 euros. O tipo pasará do 12% ao 11,5%.
  • "Galiza ten menos paro, menos recesión e menos débeda do que o conxunto do Estado", afirma Alberto Núñez Feijóo. O líder do executivo galego gábase dos dados tirados que sitúan a Galiza "nos primeiros postos da liña de saída da crise". As bancadas do PP volven aplaudir a intervención do presidente. 
  • O presidente do executivo galego gábase das partidas orzamentarias destinadas polo goberno español para a implantación do AVE en Galiza. Unhas partidas consideradas "virtuais" polos grupos da oposición ao non seren executadas na súa totalidade en anos anteriores. Asemade foron criticadas por non responder "ás prioridades" sociais de Galiza que urxen, aseguran, outro tipo de investimentos. 
  • A Xunta de Galiza, asegura Núñez Feijóo, iniciará un "novo modelo forestal" que centrarán na extensión da biomasa cun Plan de acción integral. "O obxectivo", di, "é que en 2014 se poñan en marcha máis de 1.000 instalacións con caldeiras de biomasa" que anualmente "valoricen" 18.000 toneladas. Aliás, avanza que mudarán a estrutura da terra e "pular por explotacións máis rendíbeis". 
  • O presidente avanza que se creará un canon no sector mineiro de igual maneira que foi fixado no sector eólico. Porén, acrecenta, "a Xunta non caerá nunca nun ofuscamento negativo" que di limite as posibilidades económicas neste sector.  O anuncio coincide co inicio do proceso de cancelación do proxecto mineiro de Corcoesto. 
  • Núñez Feijóo di que 2013 será o primeiro ano da crise que rematará con menos desempregad@s d@s que se rexistraron ao comezo do ano e amósase certo de que Galiza "medrará" e "creará emprego" en 2015. "Conseguilo só é posíbel sometendo a acción política a un fondo traballo de estudo". Di que "a planificación" é a "folla de rota" da súa xestión de goberno. 
  • En relación ao futuro de NGB Feijóo di que a Xunta "estará" con aquela oferta que "máis compromiso amose con Galiza para actuar desde Galiza". Todas as entidades que poxan polo banco resultado da fusión das caixas, son foráneas. 
  • O presidente salienta "a preocupación" da Xunta polo naval e gábase de que o seu goberno deu "estabilidade financeira" ao sector. Aliás, asegura que a Xunta resolveu o "problema do tax-lease". O líder do executivo di agardar que Pemex cumpra coas súas promesas mais sen "pór en dúbida" a palabra da para-estatal mexicana. As bancadas da oposición énchense de marmurios e sorrisos. 
  • Feijóo intercala a defensa da súa xestión co anuncio de novos proxectos lexislativos. "A acción deste goberno", di, "diríxese ao conxunto das galegas e dos galegos" fixando, afirma, como prioridade "a medrar e crear emprego". As bancadas do grupo parlamentar popular interrómpeno con aplausos. 
  • A Xunta comunica que paraliza o proxecto mineiro de Corcoesto coincidindo coa intervención do presidente, Alberto Núñez Feijóo. Ao tempo, o líder do executivo fala do "patrimonio" e das "bondades propias de Galiza" que di, nos permiten "traer máis turistas" ao país. 
  • O líder do executivo galego afirma que a cidadanía é consciente de que as medidas adoptadas polos gobernos español e galego non é "un antollo" senón unha "necesidade". Porén, ás portas so Pazo do Hórreo maniféstanse cidadás e cidadáns prexudicad@s por algunhas desas decisións. Concretamente, pensionistas emigrad@s atinxid@s polo calote das pensións no estranxeiro. 
  • Núñez Feijóo dá comezo á súa intervención defendendo as políticas de redución do investimento público. "Exemplos" di, "dos esforzos" da administración e d@s galeg@s, "un pobo", asegura que embora non ser responsábel do problema é partícipe das políticas adoptadas pola Xunta. 
  • "Miro á xente do noso país e sinto confianza". O presidente da Xunta amósase certo de que Galiza "sairá da crise" e mesmo asegura que "máis cedo que tarde será tempo de medrar". Feijóo apela á "coalición cos galegos" que empregou como estratexia electoral para defender as políticas desenvolvidas polo seu executivo desde outubro de 2012. 
  • Feijóo comeza lembrando as vítimas do accidente ferroviario acontecido o pasado 24 de xullo en Angrois e no que faleceron 79 persoas. "Galiza púxose a disposición de Galiza", di Feijóo en relación á reacción popular após o sinistro. Unha reacción que, di, se debe ao "tanto bo que hai de ser galegos". "Se algo define a Galiza", afirmou o presidente, "é a solidariedade".

    Comeza o debate sobre o estado da nación coa comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

Comentarios