venres 24/09/21

Feijóo:''Sigo pensando que os 7 edís condenados en Compostela non son delincuentes''

O esperpetento vivido no Concello de Compostela centrou a sesión de control ao goberno galego. A oposición sinalou a responsabilidade do propio Feijóo no acontecido.

10:50. Núñez Feijóo. "Os galegos xa coñecemos a súa calaña política", dille o presidente da Xunta a Yolanda Díaz. Pilar Rojo, presidenta do Parlamento, pide a Feijóo que retire esa frase. "Vostedes forman parte do goberno con máis imputacións de España, a Junta de Andalucía".  "Vostedes montaron un partido porque perderon a asemblea doutro partido. é iso rexeneración democrática?".

10:46. Yolanda Díaz. "Eu non teño amigos narcotraficantes. Algúns temos ética e vostedes non. Que traten con esta lixeireza o que pasa en Compostela é de manda truco".

10:44. Núñez Feijóo. "A súa coligación perdeu a metade dos votos en 24 meses, esa é a lectura que fago do 25M", sinala Feijóo. "Defendemos unha política limpa, respetando a xustiza. Sorpréndome que vostede nos dea leccións" e cita o caso de Carme Iglesias. "Vostede cre que é rexenerar a vida política insultar permanentemente?". "Todos os concelleiros e alcaldes de AGE non pertencían a AGE, senón a outra formación política".

10:40. Yolanda Díaz (AGE). "As urnas o 25M dixeron dúas cousas: que a cidadanía está farta de corrupción, que atinxe a todas as institucións, desde o Concello de Compostela até a Coroa. As urnas dixeron que estaban fartas dun presidente da Xunta que non cumpre coas súas responsabilidades". A voceira de Alternativa Galega de Esquerdas considera que o 25M @s votantes tamén dixeron que estaban "fartos" do PP.

10:36. Núñez Feijóo. "Vostedes os do BNG cambiaron o 100% dos seus concelleiros en Ourense. E en tres anos pasaron de ser un partido a ser tres". Dí que responsabilidade dos nacionalistas que en Lugo e Ourense haxa alcaldes do PSOE, que están imputados. 

10:33. Jorquera. "Convídoo a ver o vídeo do PP nas últimas eleccións municipais de Santiago. Vostede debe ser un único residente en Santiago que non sabía o que buscaba Conde Roa". Dille a Feijóo que el é o máximo responsábel da "situación rocambolesca". 

10:29. Núñez Feijóo. "Sigo pensando que os sete concelleiros de Compostela non son delincuentes. Que non actuaron a sabendas". Di que o alcalde do BNG de Monforte pagou honorarios a un concelleiro do BNG desa localidade para se defender de diversos asuntos. Afirma que todos os concelleiros actuais do BNG en Ribeira ou en Vilalba non foron elexidos nas eleccións.

10:26. Francisco Jorquera (BNG). "Vostede vai pasar á historia desputándolle a Houdini o título do mellor escapista de todos os tempos". O portavoz nacionalista lembra a Feijóo que calificara de "asunto menor" a imputación de 7 edís de Compostela. "Vostede non exerceu as súas responsabilidades". "Xa hai un ano o BNG demandoulle nesta Cámara que disolvese a Corporación e convocase eleccións. E non fixo nada". "Deixou apodrecer a situación até que o fedor lle obrigou a tomar decisións".

10:22. Núñez Feijóo. Reitera que o PP é garantía de gobernabilidade. Fala de que nas cidades en mans do Partido Popular hai orzamentos e gobernabilidade, a diferenza de, e volve citar, Lugo e Ourense. Acusa os socialistas de ter unha longa listaxe de imputados. "En Santiago hai gobernabilidade".

10:20. Méndez Romeu. "As súas responsabilidades son intrasferibles. Toda Galiza foi testemuña dos seus cambios erráticos. Hoxe falo de Compostela, pero poderiamos falar do Porriño, de Miño, de Trazo...". 

10:16. Núñez Feijóo. O presidente da Xunta di que Galiza leva cinco anos de goberno estábel, "un exemplo de gobernabilidade. Hai outras experiencias contrarias". Di que en Compostela "o que fixemos foi aplicar a lei". E contrapón iso ao que acontece en Lugo ou Ourense, gobernados por socialistas.

10:13. Méndez Romeu (PSdeG). "Despois de 3 anos, onte deu o primeiro paso para resolver o problema do Concello de Santiago, unha situación sen precedentes en Galiza". O portavoz [email protected] socialistas dille a Feijóo que "debe de pedir perdón aos cidadáns" por nomear a Conde Roa e ängel Currás. "Subordinou os intereses da capital de Galiza aos do seu partido".

10:09. Núñez Feijóo. Lembra que o artigo 16 da Constitución española foi "pactado por todos, do PCE a AP". E afirma que alcaldes de IU, como o de Archidena (Málaga), "nomeou alcaldesa perpetua á virxe da súa vila". E di que se alcaldes de IU van ás procesións na Semana Santa.

10:07. Carme Iglesias. "Indo a eses actos como presidente de Galiza está marxinando aos galegos e galegas que non partillamos esas crenzas"

10:02. Núñez Feijóo (presidente da Xunta). "Cando participo nun acto relixioso fágoo respetando a constitución", afirma Feijóo, que di que "os políticos non podemos vivir de costas á realidade e o 70% do pobo español declárase católico. A relixión forma parte da sociedade". Feijóo agradece a Carme Iglesias o ton da súa pregunta.

10:00 Carme Iglesias (grupo mixto). Pregunta a Feijóo pola presencia do presidente e membros do goberno galego en actos relixiosos. "Cando vostede se axeonlla ante unha estatua para pedir intercensión ante a crise ou os incendios" está a poñer en cuestión a separación igrexa e estado. "Vaian á misa, están no seu dereito, mais fágano a título individual". Iglesias pregunta que xustificación ten o goberno galego para ir a eses actos relixiosos.

comentarios