Minuto a minuto da sesión de control ao goberno galego

Podes seguir aquí o minuto a minuto da sesión de control ao goberno, marcada polas preguntas sobre a Operación Zeta e sobre sospeitas de financiamento ilegal.

Parlamento
photo_camera Parlamento

Minuto a minuto da sesión de control que comeza ás 10:00 no Parlamento de Galiza ao executivo galego.

10:53 Núñez Feijóo

Reprocha a AGE a súa actitude, que provocou a marcha de dúas deputadas ao Grupo Mixto. Volve citar, máis unha sesión, os EREs de Andalucía.

10: 51 Yolanda Díaz 

"Depure as persoas do seu partido implicadas nesa trama. O seu partido semella estar podre, con corrupción, financiamento irregular, tramas..."

"Vostede quere que sexa críbel que non saiba a que se adicaba o seu amigo?".

10:46 Núñez Feijóo

"Nestes Orzamentos 2015 AGE propón elevar a débeda en 150 millóns de euros mais acúsanme a min de elevar a débeda. Non teñen rigor". O presidente da Xunta di que "vostede está por riba de todos. Se un xuíz investiga a Izquierda Unida ese xuíz ten unha manifestación na porta".

"Podemos ser a primeira comunidade na que sexa ilegal facer calquera doazón dunha empresa a un partido político"

"Eu dou a cara sempre polo pobo ao que represento".

10:44 Yolanda Díaz (vice-portavoz AGE)

"A débeda, a corrupción e a pobreza son as tres pegadas na súa faciana". Díaz lembra a Feijóo que é "o responsábel político" de 5 persoas imputadas na trama "magna de corrupción"

"Que relevancia tivo a súa amizade con Pachi Lucas nesa trama?" 

"Vostede era o único galego que non sabía a que se adicaba Marcial Dorado. Malia que Lucas frecuentaba a casa pública en Monte Pío vostede di que descoñecía a que se adicaba".

10:40 Núñez Feijóo

"A resposta a todas esas perguntas é rotundamente non", asegura o presidente da Xunta, en relación ás cuestións formuladas por Jorquera (ver abaixo). E fai un relatorio do, afirma, medidas de compromiso contra a corrupción impulsadas polo PP.

"En financiamento sospeitoso o kilómetro 0 está na Deputación de Lugo, na que co-gobernan"

10:37 Francisco Jorquera

"Minte que algo queda, di o refrán", comeza Jorquera a súa réplica. "Para ler unha relación de imputados do seu goberno por presunta corrupción precisaría media hora".

"Está en condicións de afirmar, categoricamente, ante este Parlamento, que descoñecía que o señor de Lucas traballaba de conseguidor para esta trama? Si ou non? Está en condicións de desmentir, rotundamente, ante este Parlamento, que é falso que vostede advertise ao señor de Lucas que tiña os telefones pinchados. Si ou non? Vostede é o presidente do PP de Galiza. No sumario alúdese a pagos en B, por parte da trama ao seu partido. Pode afirmar tamén vostede neste Parlamento, de xeito categórico, que é falso? Si ou non?".

10:34 Núñez Feijóo

Núñez Feijóo volve referirse ao Bipartito para dicir que daquela apenas había comisións de investigación. Di que de facer unha comisión de investigación tería que ser sobre as adxudicacións de Vicepresidencia do bipartito cando estaba en funcións.

A resposta do presidente da Xunta nesta quenda fai en todo momento fincapé no Bipartito, sen responder ás preguntas feitas pola oposición.

10:30 Francisco Jorquera (portavoz BNG)

"Por terceira vez pregúntolle se vai seguir sen asumir responsabilidades sobre os cursos de formación. Dea explicacións convincentes, que non deu ningunha. Negouse a comparecer, a non ser que entenda por iso cumprir coa obriga de vir ás sesións de control".

Jorquera reprocha a Feijóo que se negue en Galiza a constituír comisións de investigación que exixe para Andalucía

10:26 Núñez Feijóo

"A sesión de control sempre é o mesmo, señorías, sigan así". O presidente lembra que a conselleira de Traballo vai comparecer. Afirma que o xulgado pediulle toda a documentación sobre os cursos de formación "desde o ano 2000, desde o Bipartito".

"O Bipartito deu 66 millóns de euros para cursos. De que se nos acusa a nós?". 

"Vostedes saben que quero comparecer, e fareino"

10:24 Méndez Romeu

"Vostede non quere dar explicacións, por iso temos que recorrer a mecanismos parlamentares para que subordinados seus respondan por vostede"

"Falta que compareza para falar do financiamento ilegal do seu partido. Tenlle medo á transparencia? Dea a cara, non fuxa e dea explicacións".

10:20 Núñez Feijóo

Defende o investimento nun "patrimonio universal" e considera que "parece mentira" que rehabilitar a Catedral é "inadecuado".

Feijóo afirma que o plan dos socialistas nas caixas galegas era "fusionala con Bankia" e di que "levamos 9 preguntas sobre esa comparecencia que vostedes non queren citar e eu tampouco vou citar por respeto á súa pregunta". 

10:17 Méndez Romeu (portavoz do PSdeG)

O portavoz socialista fala do compromiso de investir millóns de euros na reparación da Catedral mentres a pobreza aumenta, "son as súas prioridades". Méndez Romeu acusa a Feijóo de "estar para a propaganda e promoción persoal, non para o que se lle necesita. Pedín a súa comparecencia no último ano en 20 ocacións, e nunca comparece. É soberbia".

"Recibiu o seu partido directa ou indirectamente financiamento de fontes públicas? Vai explicar iso?"

10:13 Núñez Feijóo

"Hai hoxe máis servizos no rural que en 2009" afirma o presidente da Xunta.

10: 10 Carme Iglesias

A deputada afirma que as medidas descritas polo presidente "parécenme boas" mais sinala que nestes anos o PP votou en contra de iniciativas nesa mesma liña. "Os urbanitas deberían aprender os valores de sostibilidade e solidariedade do rural".

10:07 Núñez Feijóo (presidente da Xunta)

Núñez Feijóo afirma que a Xunta traballa como unha prioridade o lograr que a xente do rural e do urbano teñan as mesmas posibilidades. Fala de proxectos para incentivar o turismo no rural, eliminar o feismo, propiciar instalación de industrias e mellorar as comunicacións.

O presidente promete "imposto cero" para traballar no rural. 

10:00 Carme Iglesias (Grupo Mixto)

Carme Iglesias pregunta ao presidente da Xunta, "que presume de ser rural, como se fose memorias dun neno labrego", se hoxe en día un neno do rural tería as súas oportunidades de chegar ao cargo.

Comentarios