Feijóo recoñece o "problema demográfico" e o BNG lémbralle que ''coas súas políticas, Galiza esmorece''

Seguimos ao minuto a sesión de control ao goberno galego Pleno no Parlamento de Galiza. O BNG preguntoulle sobre a queda demográfica de Galiza, AGE sobre sinistralidade laboral e o PSdeG polas relacións co goberno central.

parlamento

Pleno do Parlamento de Galiza ás 10:00 horas con sesión de control ao executivo de Núñez Feijóo. Aquí informarémoste ao minuto:

10:41. Finaliza a sesión de control ao goberno galego.

10:38. Núñez Feijóo. Acusa a AGE de apoiar enmendas do PSdeG que implicaban recortes en seguridade laboral. "Vostede non distingue entre verdade e mentira", dille Núñez Feijóo a Díaz. "Vostede igual non, mais os que somos fillos de obreiros sabemos o que son os accidentes laborais". 

10:35. Díaz. "Que lle parece a vostede que en 2013 morreran 47 traballadores en galiza, a vostede que tanto fala de austeridade", reitera Yolanda Díaz. Acusa ao presidente da Xunta de "frivolizar" cos dados da siniestralidade laboral. "Desde que vostede é presidente recurtouse nun 65% o orzamento para prevención laboral".

10:32. Núñez Feijóo. O presidente da Xunta dí que Galiza foi o territorio "onde máis baixou o índice de accidentes laborais". 

10:29. Yolanda Díaz (viceportavoz de AGE). Yolanda Díaz sinala a grave situación de Galiza en sinistralidade laboral, por riba da media do Estado español. Debulla dados por sectores. "Como se pode cualificar un país no que morreron en mans da patronal 47 persoas en 2013?". E di que "iso é terrorismo".

10:25. Núñez Feijóo. O presidente da Xunta afirma que levan presentados 22 recursos de inconstitucionalidade fronte os 14 presentados "polo bipartito". Pon de exemplo da colaboración entre Xunta e Estado o de procurar solucións o calote das preferentes.

10:22. Méndez Romeu. Reprocha a Feijóo que non queira falar do desemprego en Galiza. "No que vai desta lexislatura desapareceron 35.600 persoas da Seguridade Social.Por cada novo parado rexistrado hai 15 baixas na S.S".

10:18. Núñez Feijóo. "En liñas xerais as nosas relacións co goberno de España son fluídas e correctas. Estamos de acordo na unidade da Nación española, no cumprimento do défice público e na mellora da competitividade da nosa economía". O presidente da Xunta afirma que hai "diverxencias puntuais" con Madrid en puntos como "o borrador da lei de irrupción do embarazo".

10:16. Méndez Romeu (portavoz PSdeG) "Vostede, señor Feijóo, a única relación que ten co goberno de España é de obediencia e sumisión". Méndez Romeu acusa o presidente da Xunta de reducir os caryos para formación de desempregad@s mentres o paro bate récords. "A EPA certifica o absoluto fracaso do seu goberno".

10:12. Feijóo. Comeza a súa quenda acusando a Francisco Jorquera "de non entender os dados" e afirma que "dicir que os mozos emigran pola política do goberno é non entender nada". Volve citar a Fraga para dicir que a oposición lle chamaba reaccionario cando falaba de incentivar a natalidade. "Compartimos este problema con 40 rexións europeas", salienta.

10:10. Jorquera. O portavoz parlamentar nacionalista lembra a Feijóo que en Galiza a queda demográfica é moito máis acentuada que noutros territorios. Pregunta ao presidente se o desemprego, a emigración, a precariedade laboral, as dificultades para conciliar a vida laboral e familiar.. "non teñen a ver con esta situación". "Coas súas políticas, Galiza esmorece".

10:06. Núñez Feijóo (presidente da Xunta). O presidente da Xunta acusa a Jorquera de "frivolizar" cun problema, o demográfico, "que vén de lonxe". Ofrece unha batería de dados e estatísticas de nacementos e falecementos para dicir que a pregunta feita polo BNG "podería se facer hai 20 anos". Recoñece que o demográfico "é o principal problema de Galiza" e dí que en Xapón ou Alemaña tamén padecen esa situación. "Os únicos plans demográficos que se aprobaron en Galiza foi o de Fraga e o deste goberno"-

10:02. Francisco Jorquera (portavoz do BNG) O voceiro parlamentar do BNG afirma que a poboación galega é só o 5,8% do conxunto do Estado, "a metade do que eramos hai cen anos". Jorquera fala da 'Galiza minguante' e afirma que nestes 5 anos ese problema agravouse. "A poboación moza reduciuse en máis de 135.000 persoas". Pregunta ao presidente que causas considera que explican o "drama demográfico de Galiza".

Comentarios