Miñóns, Besteiro e Silva, posíbeis cabezas de lista do PSdeG para o 23-X

O exalcalde de Oroso Manuel Mirás postúlase para seguir como senador do PSdeG pola Coruña, tras transcender o interese de Bugallo.

A ex presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (Foto: Xan Carballa).
photo_camera A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (Foto: Xan Carballa).


O PSdeG configurará esta semana as súas listas para as eleccións estatais do próximo 23 de xullo, nas que as últimas quinielas sitúan o ministro de Sanidade, José Miñóns; o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro; e a presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como cabezas de lista ao Congreso español.

Aínda que o nome do ministro de Sanidade, José Miñóns, xa foi confirmado como cabeza de lista á Cámara baixa pola circunscrición electoral da Coruña, as últimas quinielas apuntan a que Besteiro podería encabezar a lista pola circunscrición electoral de Lugo e Carmela Silva pola de Pontevedra.

No caso de Lugo, fontes socialistas explicaron que, aínda que Besteiro era remiso a encabezar a lista ao Congreso español, a dirección federal é partidaria de que si sexa o que figure como número un ao Congreso pola circunscrición electoral lucense.

Ademais, aínda que nun primeiro momento no partido apuntouse á posibilidade de que David Regades encabezase a lista ao Congreso por Pontevedra e Carmela Silva a do Senado, fontes do PSdeG apuntan á presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra como número un ao Congreso español, co obxectivo de que se garanta a paridade nas cabeceiras de listas.

Así, o feito de garantir a paridade, conforme indicaron fontes socialistas, podería situar tamén como candidata número un ao Congreso español á secretaría da agrupación local de Ourense, Natalia González, aínda que tamén podería optar a liderar unha das papeletas o candidato á alcaldía da cidade, Francisco Rodríguez.

Para a configuración destas listas, os socialistas celebrarán esta cuarta e quinta feira os seus comités provinciais. A reunión destes órganos será previa á reunión da comisión federal de listas, que dará o visto e prace ás candidaturas que serán ratificadas no Comité Federal que terá lugar o sábado.

Loita polo senado

Precisamente, este segunda feira, o que fora alcalde de Oroso (comarca de Ordes) durante máis de 20 anos, Manuel Mirás, postulouse para seguir como senador do PSdeG pola circunscrición electoral da Coruña, tras coñecerse o interese por este cargo por parte do alcalde en funcións de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Na mesma xornada na que se coñeceu a intención do rexedor compostelán en funcións, Manuel Mirás remitiu un comunicado aos medios no que asegura que presenta a súa candidatura e ponse ao dispor do partido para continuar co seu traballo no Senado.

"A día de hoxe, son relator en varias leis en tramitación e considero que fixen un bo traballo no Senado, polo que estou ao dispor do partido", sinalou o ex alcalde de Oroso, que lembra que forma parte da executiva provincial e é coordinador dos deputados e senadores coruñeses en Madrid.

Por último, Mirás mostrouse convencido da vitoria de Pedro Sánchez e tamén disposto a achegar o seu traballo diario como senador para sacar adiante leis e normas que “beneficien á sociedade española”.

Comentarios