Miñones critica o discurso de "confrontación co Goberno central" de Rueda

Cuestionado sobre quen será o candidato do PSdeG nas autonómicas, o delegado do Goberno do Estado na Galiza insistiu en que o partido está centrado nas municipais e defendeu que o secretario xeral, Valentín González Formoso, está "envorcado coa Galiza" e conta coa súa confianza.
José Miñones (Foto: Arxina)
photo_camera José Miñones (Foto: Arxina)

O delegado do Goberno na Galiza, José Miñones, criticou o "discurso diario" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, baseado "simplemente na confrontación co Goberno central". "En período electoral sabemos cal é o seu lema de campaña: buscar esa confrontación directamente co presidente do Goberno, o que deixa en moi mala imaxe aos seus candidatos", manifestou.

Nunha entrevista na Cadena SER , Miñones recoñeceu que ante ese "discurso de confrontación", a relación entre administracións "dificúltase".

O representante do Executivo central na Galiza destacou a importancia do "compromiso e a lealdade dun Goberno autonómico co central", algo que, na súa opinión, "non se está dando".

En Rueda, Miñones ve "un labor máis propio dun líder da oposición que dun gobernante" e considera que "centra a campaña" das municipais en falar do presidente do Goberno, o que "evidencia que non ten proxecto" e que "o 'feijoocentrismo' impídelle recoñecer que o Goberno de Sánchez é o goberno máis municipalista e máis galego".

 

"Creo que é unha equivocación porque evidencia que non ten proxecto propio en cada un dos municipios, que non teñen candidatos solventes para poder falar do que lle preocupa á xente", sostivo.

Para Miñones, se Rueda "centra o foco" sobre o presidente do Goberno, "se cadra sería bo que lle dixese aos 670.000 pensionistas galegos quen lles subiu a mensualidade un 8,5%, ou aos 100.000 que teñen o Salario Mínimo Interprofesional cunha subida de 350 euros". "Iso é o importante e o que lle importa á xente e non a relación entre o presidente da Xunta e o presidente do Goberno", aseverou.

Nesta mesma liña, o delegado do Goberno cre que isto é "unipersoal" e asegurou que nunca escoitou a Pedro Sánchez confrontar con Rueda. "Os fondos de recuperación, unha oportunidade única, quero lembrar que se chega a ser polo PP, Galicia non tería nin un só euro porque votaron en contra", exemplificou. 

 

Cesamentos Renfe 

Por outra banda, nesta mesma entrevista, Miñones tamén se pronunciou polos cesamentos no Ministerio de Transportes, entre eles, o da galega Isabel Pardo de Vera como secretaria de Estado. O delegado do Goberno na Galiza non se quixo pronunciar sobre se considera "inxusto" este cesamento, pero puxo en valor que o Ministerio dese "resposta inmediata" co nomeamento "dunha persona que coñece o Ministerio" e "que sabe por onde ten que seguir o traballo na Galiza".

Así mesmo, recoñeceu o traballo de Pardo de Vera "polo compromiso que tivo coa Galiza" e mostrouse "convencido" de que a súa substitución no cargo "vai estar na Galiza". "Cónstame porque xa o estivo facendo como secretario xeral de Vivenda e o compromiso coa Galiza está encima da mesa", explicou.

En canto á chegada dos trens Avril á Galiza, Miñones pediu "ser coherentes" e "ter un discurso en base ao criterio técnico e de seguridade".

"Os trens están construídos e estamos no proceso de homologación, seguridade, e espero que ningún representante público nos pida que nos saltemos os procesos de homologación e de seguridade dos trens", subliñou.

 

 O PSOE "forte"

Doutra banda, José Miñones afirmou que ve ao seu partido, o PSOE, "forte" e destacou que nas municipais os socialistas son "referentes".

Cuestionado sobre quen será o candidato do PSdeG nas autonómicas, Miñones insistiu en que o partido está centrado nas municipais e defendeu que o secretario xeral, Valentín González Formoso, está "envorcado coa Galiza" e conta coa súa confianza.

Sobre o seu papel neste contexto, asegurou que seguirá traballando polo PSOE "da man" do secretario xeral. "Reitero a miña confianza en Valentín e como delegado do goberno creo que teño un traballo por diante bastante arduo", reiterou.

Comentarios