LOGO DO CASO DE ANDREA

O ministro de Sanidade considera “irresponsábel” abrir un debate sobre a morte digna

Logo do falecemento de Andrea, a nena de 12 atinxida por unha doenza terminal, Alfonso Alonso, ministro de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, considera “irresponsábel” abrir un debate “oportunista” sobre unha lei de morte digna.

Para o Goberno español non é momento de abrir un debate sobre unha lei de morte digna. De feito, considérao “oportunista” e “irresponsábel”. “Non me gusta abrir debates oportunistas e moito menos facelo porque un ten un interese electoral sobre unha situación dramática como a que vivimos e na que hai que ser moi coidadoso coa situación dos pais e moi respectuoso tamén cos profesionais”, sinalaba esta mañá en declaracións aos medios.

Alonso, que solicitou “moita máis serenidade e unha reflexión pausada”, aludiu á Lei de Autonomía do Paciente, que recolle que ningunha persoa usuaria da sanidade pode ser obrigada a seguir un tratamento, e ao código deontolóxico dos profesionais da sanidade, onde considera que “todas estas cuestións quedan perfectamente claras”.

O debate sobre a morte digna cobrou actualidade despois do caso de Andrea, a rapaza de 12 anos atinxida por unha doenza neurodexenerativa terminal que, tras a loita dos pais en defensa dunha morte digna, faleceu no día de onte. No número 166 do semanario en papel tratamos nunha reportaxe a lexislación internacional a respeito do dereito a unha morte digna e conversamos con Emilia Irimia (Asociación polo dereito a unha morte digna) e o profesor de Bioética e Filosofía Moral, Óscar Horta, o debate arredor da vida e morte.

Comentarios