José Manuel Sande, senador

"A miña intencion é ser o representante de todo o espectro de En Marea"

Vén do activismo social a rentes do chan e non dos partidos como aparatos e non quere perder esa identidade no seu novo ámbito institucional de traballo, o Senado. Cando se lle lembran as acusacións de Luís Villares a Podemos pola pulsión polo control que supostamente caracterizaría a formación liderada por Pablo Iglesias, afirma con certa vehemencia que non será fagocitado nin por nada nin por ninguén. José Manuel Sande,  ex concelleiro de Culturas da Coruña pola Marea Atlántica, foi eleito senador esta terza feira en representación do Parlamento de Galiza. "Que rol podo xogar no Senado? Axudar a visibilizar o país en Madrid", afirma.

SANDE
photo_camera José Manuel Sande, durante unha conferencia de imprensa no concello da Coruña.

Poucas horas despois de recoller no Hórreo as credenciais que certifican a súa elección como senador en representación do Parlamento galego, José Manuel Sande mantén unha conversa con Sermos.

Como viviu todo o espiñento e tortuoso proceso que levou á súa designación como senador?

Todo coincidiu co remate do mandato no concello. Eu aínda estaba en funcións e despregando unha actividade inxente, asociada á miña área —cultura, festas, memoria histórica, deportes, etc. Cando recibín a proposta, vin que as forzas políticas [Podemos, Esquerda Unida e Anova] facían un esforzo por escoller alguén que non pertence a ningunha delas e, claro, dado o meu perfil, atitude e traxectoria, interpretas que o que valoraban era a miña independencia, o meu criterio de estar en contra da política entendida como confrontación. Vin na proposta unha procura de unidade, de consenso, de entendemento da pluralidade, e pensei que eu podía servir, non en plan salvador evidentemente, mais si como un elemento de unión, sen que iso fose en detrimento doutras eventuais candidaturas. Mais si que pensei que a cousa podía ir adiante, xusto por iso, porque había certa unanimidade e consenso. Mais logo acabas comprobando que seguramente había debates e diferenzas importantes. Esa é a esfera na que ti xa non podes entrar. E nesta historia si que hai unha parte que pode resultar triste, no sentido de que se produce a ruptura dunha forza política [En Marea], mais tampouco vivín o episodio en clave persoal. Foi unha sucesión de feitos que se viñan dando no tempo, polo tanto este [o proceso de designación de senador] foi o detonante último, non o detonante por dicilo dalgún xeito. En todo caso, todo o proceso tivo algo singular, porque, como sabes, eu tampouco me presentaba xa na candidatura de Marea Atlántica, co cal a proposta colleume un pouco por sorpresa. Eu contaba con regresar ao meu traballo sen por iso deixar de estar na actividade política. En definitiva, vivín o proceso cunha mestura de sensacións un tanto peculiar. Era unha proposta que se me facía e non algo que eu estivese buscando, co cal ese componente persoal de ambición política non existía.

Vin na proposta unha procura de unidade, de consenso, de entendemento da pluralidade

Vostede non fai parte de ningún dos partidos que agora compoñen o grupo chamado formalmente En Marea, mais o villarismo sempre o viu como un candidato de parte.

Si, curiosamente disto falouse no grupo [refírese aos partidos, Podemos, EU e Anova, que o propuxeron como candidato], aínda que nunca se explicitou demasiado. A miña traxectoria é a dun activista dos movementos sociais, son un dos fundadores da Marea Atlántica e fun concelleiro, mais un concelleiro que non pertencía a ningún dos partidos integrados na organización. Un sempre se vincula politicamente en moitas cuestións, mais ao mesmo tempo sempre estiven nesa procura de unidade, de consenso, de ver o espazo político dun xeito moi plural e xeneroso. Nese sentido, eu non estou ao servizo de ninguén e se se interpretou así, pois a verdade non era a miña intención dar pé a que se vise dese modo.

Mantivo durante ese proceso algunha interlocución con Luís Villares ou con xente da súa contorna?

Escollín un papel digamos que discreto porque entendía que todo tiña que ter o seu curso, mais houbo así algún pequeno contacto, dunha maneira cordial e nunca na procura de ningún tipo de presión, senón un pouco de explicación da situación e de desfacer equívocos, nada máis.

Que actitude viu neses contactos?

Cordial e de entendemento e nunha liña que apuntaba a que en ningún caso existía animadversión persoal cara a min.

Nun momento determinado, vostede decidiu dar un paso atrás na política institucional e dese xeito resolve non recuncar nas listas da Marea Atlántica. Agora reaparece no Senado. Que o levou a reconsiderar a súa decisión?

Primeiro hai unha dimensión eu creo que de reto. De reto e de diferenza de escala. E curiosamente tamén de diferenza non vou dicir de intensidade, pero si de grao de traballo presencial. A política municipal local, sobre todo na área tan vasta e monstruosa que eu levaba, non tiña descanso nin tregua. Abarcaba todos os días. Curiosamente, aínda sendo en Madrid, a vida do Senado comporta un compromiso presencial algo diferente. Ese factor foi importante. Non digo que o labor no Senado vaia ser máis laxo, mas si que hai unhas dinámicas e procesos de traballo algo distintos aos do concello que dan outro tipo de liberdades, para entendernos, e permiten conciliar doutro modo. Eu anunciei en xaneiro a miña marcha do concello, transcorreron catro ou cinco meses e cando me chegou esta proposta pareceume que tiña algo de oportunidade de visibilizar o traballo de Galiza en Madrid, vin que era un desafío diferente.

No Senado vai ser o senador de todos os componentes do grupo orixinario de En Marea, o que se presentou ás eleccións de 2016, ou só vai ser o senador dos que fican no grupo parlamentar de En Marea?

A miña intención sempre foi ser o representante de todo ese espectro político. Aí debemos estar sempre abertos. Se falamos constantemente de xenerosidade, dun espazo plural e fóra das dinámicas partidarias máis aborrecíbeis historicamente, pois seguro que debemos dar exemplo. E nese sentido —e dada a ausencia do Bloque Nacionalista Galego [nas Cortes Xerais do Estado] en Madrid e as dinámicas que conlevan normalmente as dependencias e sumisións do PP e do PSOE— pois estariamos perante unha oportunidade histórica para visibilizar todo isto, nun momento, ademais, en que o espazo político a verdade é que é precario para case todos. Vivimos nunha época de bastantes incertezas e ninguén debe confiarse. Os cambios políticos que están sucedendo así o indican, coa aparición de novos actores, algúns dos cales, mesmo na vertente máis triunfal, saben perfectamente que o seu suceso pode ser conxuntural. Nese proceso de reconfiguración e autoanálise que debemos facer hai que ir nesa procura de unidade, consenso e entendemento da pluralidade do espazo. 

Daquela se desde as bancadas da En Marea villarista se lle achega algunha iniciativa para a levar ao Senado, entendo que non habería problema.

Se son iniciativas boas para Galiza, veñan de grupos cidadás ou de entidades, hai que valoralas e trasladalas se resultan algo que pode ser de proveito para o país. 

Vivimos nunha época de bastantes incertezas e ninguén debe confiarse

A que grupo parlamentar se vai adscribir? Ao Confederal de Unidas Podemos ou ao mixto?

Estamos nun proceso que hai que valorar, hai que falalo mellor nos vindeiros días. As dificultades que houbo neste tempo impediron avanzar máis en cuestións de planificación que hai que analizar e valorar durante o verán. Son cuestións que corresponden para dentro de pouco, pero para máis adiante.

Non ten unha predisposición especial para un grupo ou outro?

Hai que contemplar todo o espectro e a configuración e ver desde onde se pode facer máis forza.

Luís Villares argumenta que En Marea no Congreso non puido ter un funcionamento autónomo porque se viu bloqueado por Podemos. Teme vostede correr a mesma sorte se finalmente opta por se integrar no seo do grupo confederal?

Non, non. Estea onde estea, se veño aquí, debo manter un perfil e unha actitude. Esa independencia e, sobre todo, ese servizo ás distintas partes do espectro político hai que mantelo sexa como sexa. Iso eu téñoo clarísimo. Se un se introduce nesta outra aventura política é por coherencia e non para ser fagocitado nin por nada nin por ninguén. 

Que imaxe previa tiña do Senado e que rol positivo pensa que pode xogar vostede nesa cámara?

Ben, a liña do que eu dicía antes de visibilizar Galiza en Madrid parece que contrasta coa idea que un pouco temos todos do Senado, como un ente inane, inactivo, unha especie de cimiterio de elefantes ou de premio de consolación a traxectorias políticas. Eu evidentemente non o considero así e non tería aceptado se tivese esa concepción. Eu penso que a presenza no Senado permite por un lado a acción política a través de iniciativas parlamentares e por outro ser un certo instrumento de presión e de aparición do país no Estado. Nalgún modo existiremos alí na medida en que sexamos capaces de trasladar iniciativas vinculadas ao territorio. Do contrario estaremos a dar a razón a quen considera que o Senado é un órgano innecesario ou morto.

Se un se introduce nesta outra aventura política é por coherencia e non para ser fagocitado nin por nada nin por ninguén. 

Xa coa perspectiva do paso das semanas, ten unha composición de lugar un tanto máis acabada sobre as razóns que levaron ao devalo electoral non só a Marea Atlántica, senón as outras dúas experiencias similares nas cidades galegas?

Algunhas conclusións si que se poden sacar, aínda que é necesario reflexionar con algo máis de vagar. Houbo desde inicio unha parte mediática de presión, e xa se está vendo como agora se visibilizan os problemas de En Marea mentres os de outros fican entre bambalinas. Esa presión dos medios criou unha manchea de tópicos ou lugares comúns inxustos sobre os nosos movementos. En comunicación hai que ser sempre moi valentes. A poboación sempre nos exixe máis a nós e debemos valorar iso e telo en conta. Neste tempo claro que se cometeron erros, mais tamén houbo moitísimas virtudes, logros, propostas que se levaron a cabo e si que creo que se fixo méritos para seguir gobernando. De todos xeitos, os resultados deben asumirse sen demagoxia, sen derrotismo e sen autocompracencias. Desterrar un pouco esa sorte de superioridade moral e ir ben ás causas, e ver de que maneira podemos volver, temos unhas autonómicas en breve, a un ciclo triunfal, no sentido de ocupar outravolta espazos de goberno. Ábrese un camiño interesante e, insisto nesa idea, estamos perante unha época con moitas incertezas e moitos aspectos endebles que si convén analizalos ben para saber cara onde ir.

Comentarios