Un millón de sinaturas para que a UE recoñeza o dereito á autodeterminación aos seus pobos

A International Commission of European Citizens (ICEC) impulsa unha iniciativa que procura unha Europa verdadeiramente ''democrática tanto na teoria como na práctica''. O 30 de marzo haberá en Bruxelas unha manifestación a prol do dereito a decidir.

pobos

Un millón de sinaturas para que a Unión Europea inclúa “expresamente” o dereito á autodeterminación nos seus tratados “como dereito humano fundamental”. Un millón de rúbricas para que “as institucións da Unión apoien a todos os cidadáns europeos e as súas nacións que queiran exercelo”. A iniciativa da Comisión Internacional de Cidadáns Europeos (ICEC nas súas siglas en inglés) quer que o dereito a decidir sexa contemplado, respectado e garantido pola UE para os propios pobos que a integran.

A ICEC auto-defínese como un punto de encontro de organizacións, entidades, institucións e cidadáns que procuran “unha Europa democrática tanto na teoría como na práctica”. Unha ferramenta na que “movementos sociais” de diferentes pobos europeos en relación con “representantes doutras nacións e estados constituídos” debaten, analizan e debullan teorías políticas e académicas para, en base ás mesmas, decidir accións a realizar. Como esta de sumar un millón de sinaturas de cidadáns de pobos da UE na defensa do dereito de autodeterminación.

Alianza da cidadanía

A ICEC apunta a que constitúe unha “alianza cidadá coordinada no ámbito europeo” para expresar a vontade de “millóns de europeos” na defensa dos principios de “liberdade, xustiza, igualdade e paz” en Europa. E entende que o dereito a decidir cabe nesa pretensión.

Este 30 de marzo haberá unha mobilización en Bruxelas en defensa do dereito á autodeterminación. É unha marcha convocada por diferentes colectivos e entidades, entre elas a ICEC, e á que se prevé a asistencia de ducias de milleiros de persoas. @s organizador@s destacan a importancia desta manife nun ano no que Escocia e Catalunya realizan senllos referendos cidadás sobre o seu futuro. “Non vimos a Bruxelas a demandar ningún dereito, vimos a defender o exercicio dese dereito”. 

Comentarios