A MARCHA CONTOU CO APOIO DO BNG

Milleiros de persoas reclaman a liberdade de Arnaldo Otegi e Rafa Díez

Arkaitz Rodríguez, Sonia Jacinto e Miren Zabaleta, excarceradas o pasado domingo, foron as encargadas de abrir a multitudinaria manifestación que percorreu as rúas de Donostia para pedir a liberdade para Arnaldo Otegi e Rafa Díez.

[Imaxe: @Eva_Gene]Hodei Otegi, fillo de Otegi, conversa con Joan Tarda
photo_camera [Imaxe: @Eva_Gene]Hodei Otegi, fillo de Otegi, conversa con Joan Tarda

Unha multitude de persoas participaron na mobilización que pediu a liberdade de Arnaldo Otegi e de Rafa Díez. Entre as asistentes atopábanse representantes de organizacións como EH Bildu, AB, Podemos, PSE, ERC, CUP, LAB e ELA. Galiza tamén estivo presente na manifestación, apoiada oficialmente polo BNG, cuxo secretario de Organización, Bieito Lobeira, acudiu a Donostia.

Entre as caras coñecidas estaban as de Arkaitz Rodríguez, Sonia Jacinto e Miren Zabaleta, excarcerados o pasado domingo. Precisamente, foron estes quen portaron a faixa principal da marcha cos fillos de Arnaldo Otegi e de Rafa Díez. A mobilización desenvolveuse baixo o lema “Arnaldo eta Rafa askatu, politika askatu” e, entre a multitude, eran visíbeis e ikurriñas, bandeiras de Nafarroa, esteladas e bandeiras da Patria galega.

Arkaitz Rodríguez, recentemente excarcerado, pediu "xustiza, paz e a independencia de Euskal Herria"

As protagonistas do acto co que se puxo fin á manifestación foron as recentemente excarceradas, que foron recibidas cunha sonora ovación. Arkaitz Rodríguez, que tomou a palabra, envioulle todo o apoio a Otegi e Díez, así como ao resto de presos e presas vascas, e reivindicou a paz e a independencia para Euskal Herria. Ademais, puxo de manifesto a pluralidade das cores políticas e organizacións que se sumaron á mobilización e salientou que “todos e todas compartimos a demanda de xustiza e paz”.

Otegi e Díez permanecen na cadea desde o 16 de outubro de 2009 acusados de tratar de reorganizar Batasuna, o que foi chamado “caso Bateragune”. Xunto eles, foron detidos na mesma causa as excarceradas o pasado domingo. Espérase que Otegi saia da prisión en abril e Díez, meses após, dado que “non lle perdoarán o tempo que coidou da súa nai”, segundo denuncian as convocantes da manifestación, a plataforma Arnaldo Askatu e a iniciativa Free Otegi Free Them All.

A anécdota do día tivo lugar en Nafarroa cando a Garda Civil parou o coche no que se deprazaba Joan Tardá, deputado de ERC no Congreso, xunto outros dirixentes da formación, para o sancionar por tapar o distintivo español da matrícula cun autocolante coas siglas “CAT”.

Comentarios