ABERRI EGUNA

Milleiros de persoas reclaman a independencia de Euskal Herria

Euskal Herria conmemora este domingo, 27 de marzo, o Aberri Eguna, unha xornada festiva na que milleiros de persoas berraron “Si á independencia” nunha manifestación convocada pola rede Independentistak.

[Imaxe: @indesarea] Manifestación da  rede Independentistak en Iruñea
photo_camera [Imaxe: @indesarea] Manifestación da rede Independentistak en Iruñea

O acto máis masivo dos que tiveron lugar na mañá do domingo en Euskal Herria foi o convocado pola plataforma Independentistak, que reuniu milleiros de persoas encabezadas por unha gran ikurriña nunha mobilización que tivo lugar en Iruñea. Fontes da organización cifran en 15.000 as persoas que participaron na manifestación, que ten continuidade na tarde do domingo con actos festivos.

Ao remate da mobilización, que contou con presenza galega –entre a que destacaba unha representación de Galiza-, o portavoz da rede Independentistak, Txutxi Ariznabarreta, apelou aos “tempos de decidir” e ao “bai” (si) á “democracia, á xustiza social, ao euskera, ao Estado vasco e á independencia”.

A rede Independentistak aposta en "descolonizar e desconectar con Madrid e con París"

O portavoz da plataforma admitiu que “o imaxinario colectivo está moi colonizado” e sinalou que “se queren liberar Euskal Herria teñen que comezar por liberarse a si mesmos”. Neste contexto, apostou en “descolonizar e desconectar con Madrid e con París”. “O centro de gravidade ten que estar en Euskal Herria”, apuntou. Tamén puxo de manifesto que “o esquema de negociación bilateral co Estado está superado, é pasado e é unha quimera”. “A única alternativa é seguir pola vía unilateral no movemento independentista”, engadiu.

Na mobilización convocada por esta rede participou EH Bildu, cuxo portavoz, Pello Urizar, marcou como obxectivo do pobo vasco “situar Euskal Herria en parámetros de futuro, artellando unha maioría social e política”.

Urkullu, candidato a lehendakari

O PNV aproveitou o acto convocado con motivo do Día da Patria vasca –que tivo lugar en Bilbo baixo o lema “Un novo impulso”- para anunciar que Íñigo Urkullu, actual lehendakari, aspirará á presidencia do Goberno vasco nas eleccións que terán lugar este ano. Aliás, o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, sinalou en declaracións aos medios que o partido está disposto a falar coa esquerda abertzale de construír “unha nación vasca, pero non unha Euskadi revolucionaria”.

O PNV aproveita o Aberri Eguna para anunciar a candidatura de Urkullu a lehendakari

Na mesma liña, Ortuzar salientou que “de momento”, só ve “mensaxes confusas na esquerda abertzale” e apuntou que “non parece realista pensar que, quen non se sente nin tan sequera abertzales, poidan abrazar a causa independentista”.

Pola súa banda, Urkullu afirmou que o PNV avoga nun “novo estatus”, “o futuro é dar resposta á demanda social dun novo estatus político que actualice o noso modelo de relación co Estado”. Aproveitou tamén para facer balanzo da súa xestión á fronte do Goberno, “levamos 8 trimestres seguidos de crecemento e emprego” e confirmou a “disposición” do PNV para “facilitar a gobernabilidade” do Estado español.

Podemos conmemora o seu primeiro Aberri Eguna

Por vez primeira, e reforzado polos resultados das eleccións xerais de decembro, Podemos conmemorou o Aberri Eguna e fíxoo en Donostia, reclamando “unha patria inclusiva na que collan todas as identidades, todo o mundo, que non deixe ninguén atrás”.

Podemos conmemora o seu primeiro Aberri Eguna apelando por unha "patria inclusiva"

A secretaria xeral de Podemos, Nagua Alba, sinalou que o proxecto da “patria inclusiva” deberá ter como base fundamental “a defensa dos dereitos humanos, a paz e dos dereitos sociais”.

No seu acto xuntou perto dun cento de persoas xunto á escultura da pomba da paz baixo o lema “A nosa patria é a xente”.

Comentarios