Via Galega chama a ‘pór fin ao espolio do país’

2.000 persoas marchan en Compostela pola soberanía da Galiza

Milleiros de persoas encheron as rúas de Compostela para reclamar soberanía para Galiza. A marcha convocada por Vía Galega arrancou ás 11:30 horas da Alameda de Compostela e contou co apoio de máis de 60 colectivos de todo tipo.

WhatsApp Image 2022-04-24 at 2.54.41 PM
photo_camera Cabeza da manifestación de Vía Galega en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

As rúas de Santiago de Compostela acolleron na maña deste domingo 24 de abril unha marcha convocada pola plataforma Vía Galega para reclamar “os dereitos políticos asociados á condición nacional da Galiza” e denunciar “o espolio colonial que padece o país”.

A mobilización, apoiada por máis de 60 colectivos de todo tipo, contou coa presenza de representantes da vida política, sindical e social da Galiza. Así, participaron cargos institucionais e orgánicos do BNG, cadros da CIG e dirixentes de entidades sociais, como ADEGA ou a Mesa pola Normalización Lingüística.

Praterías ateigada de xente

A manifestación rematou nunha ateigada praza de Praterías, onde tomaron a palabra para dar lectura ao as reivindicacións dos convocantes, os escritores Daniel Asorei e Marta Dacosta, o músico Jasper e os voceiros de Vía Galega Anxo Louzao e María Xosé Bravo.

Louzao, en declaracións a Nós Diario, significou que “a data da mobilización coincide co 176 aniversario daquel “Abril de lume e ferro”, do que falou  Manuel María, en que tivo lugar un dos episodios máis importantes da historia de Galiza, a revolución galega de 1846 que rematou, infelizmente, o 26 de abril, cos fusilamentos en Carral”.

O voceiro de Vía Galega sinalou que “somos unha nación e polo tanto o pobo galego ten dereito a ser soberano para decidir o seu futuro. Non hai democracia, nin liberdades individuais plenas se se prohibe exercer as colectivas, como o dereito inalienábel á autodeterminación”.

Atrancos ao desenvolvemento da Galiza

O responsábel da entidade indicou que “a carencia de soberanía nacional subordinou o noso desenvolvemento aos intereses da oligarquía española e axudou a desenvolver outros territorios en detrimento de políticas favorábeis para Galiza e as súas clases populares”.

Vía Galega considera que Galiza é un pais rico, sometido a un proceso de empobrecemento como “consecuencia do rol colonial que nos teñen asignada a burguesía española, a UE e o Estado e, tamén, ao papel das elites económicas asentadas na Galiza que, en lugar de proceder en clave galega, se subordinan a un modelo económico que o capitalismo ten destinado ao noso país, como nación periférica”.

O colectivo cuestiona “a falsidade de que Galiza é un país subsidiado”. Nesta dirección, indican que “Galiza contribúe con 3.000 millóns euros demáis en relación aos recursos que recibimos do Estado”. Na mesma liña, apuntan “unhas 4.000 empresas que teñen sede ou os seus centros de produción en Galiza non tributan aquí, senón en Madrid. Só no imposto de sociedades, Galiza deixa de recadar máis de 1.000 millóns de euros anuais”.

O espolio eléctrico

Louzao denunciou “o espolio do noso medio natural, para dispor da nosa riqueza, do noso aforro e do excedente que xeramos”. “Somos vítimas dun saqueo permanente dos nosos recursos”, afirmou Louzao, quen puxo o foxo no carácter da Galiza como produtora de electricidade nunha contexto de suba do prezo da luz.

O dirixente do colectivo cualificou de “verdadeiros saqueadores” ás multinacionais eléctricas. “Exportamos ao redor de 35% da enerxía eléctrica que producimos. 168 encoros destrúen os nosos ríos e asolagan os nosos vales e 186 parques eólicos inzan os nosos montes aos que se suman as 275 novas solicitudes que pretenden invadir o noso territorio. Porén, a propiedade non é de ningunha empresa pública galega, senón de multinacionais”, aseverou Louzao.

A mobilización de Compostela rematou coa reclamación de “soberanía” como mecanismo “imprescindíbel para construír un modelo económico autocentrado e sostíbel, cunha base produtiva alicerzada nos sectores estratéxicos da nosa economía e nun tecido industrial ao servizo de Galiza para mellorar o nivel de vida do conxunto”.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios