#DPG2014: milleiros ateigaron a Praza

A manifestación do BNG púxose en marcha ás 12.13 minutos e por volta das 12.44 milleiros xa ateigaban a Praza da Quintana. Marcharon, a bon ritmo, pola soberanía, a democracia e os dereitos sociais.

manife
photo_camera Foto: BNG Compostela.

A marcha do BNG é a mobilización máis masiva de cantos se realizan o Día da Patria Galega. Nesta ocasión, a organización frentista convoca coa palabra de orde "En pé por Galiza. Pola Soberanía, a democracia e os dereitos".

"Co Bloque sen tregua, República galega" é un dos cánticos que se estrea este Día da Patria Galega 2014 e que se mestura con clásicos absolutos como "Galeg@s somos galeg@s seremos/por españolas nunca pasaremos". E non por acaso cántase con maior sentimento que nunca o "Palestina Vencerá", un estremecimento na gorxa dos milleiros de simpatizantes e militantes nacionalistas.

O ritmo da marcha é rápido, así que os primeiros continxentes de manifestantes alcanzan a Praza da Quintana ás 12.37, apenas 24 minutos após a partida da Alameda.

As primeiras palabras de Vence na Quintana, en solidariedade co pobo palestiniano

Por volta das 12.57 fixo a súa entrada na Praza a comitiva de Galiza Nova, sempre especialmente cantareira e rebuldeira.

É precisamente o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, o encarregado de apresentar o acto político. Toma a palabra por volta das 13.10 minutos e comeza a súa intervención mostrando a súa gratitude aos quiñentos, esa é a cifra que dá, compañeiros e compañeiras de Galiza Nova que tomaron parte no servizo de orde da manifestación.

13.43. Após a intervención de Saleta Chao, toma a palabra o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Faino 90 minutos despois de a marcha saír da Alameda.

As primeiras palabras de Vence son en solidariedade co pobo palestiniano.

Vence fai un chamamento a alargar o proxecto nacionalista galego e a sumar nova xente e novas ideas.

14.10. A Praza inteira entoa o Hino Nacional galego, pondo o ramo ao acto.

Esta tarde, e para completarmos este minuto a minuto, oferecerémosvos unha crónica ampla sobre esta multitudinaria manifestación.

Comentarios