Día Da Patria Galega

Milleiros camiñaron da man do BNG e reivindicaron o nacionalismo como alternativa

[ACTUALIZADA ÁS 13.45] Pasadas as 12.10 horas púñase en marcha a manifestación nacional convocada polo BNG con motivo do Día da Patria Galega. A chuvia non impediu que milleiros de persoas acompañasen a organización nacionalista nun día “de celebración e de reivindicación dun futuro mellor para a xente que vivimos e traballamos aquí”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón.

0068065e-634c-4543-bf99-38ace444171d
photo_camera [Imaxe: Alberte Mera] Inicio da manifestación do BNG.

EAUBx3gWsAEUF_H"Aínda que se molle, Galiza non encolle". Foi un dos berros á saída da manifestación nacional do BNG, que partiu pasadas as 12.10 horas da Alameda de Compostela. E tampouco encolleu a mobilización nacionalista, á fronte da cal partía a portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada de integrantes da Executiva Nacional.

Un día de celebración, mais tamén de "orgullo" e de "reivindicar que somos galegas e galegos". Así definía Pontón, en declaracións aos medios, o Día da Patria Galega, unha xornada en que o BNG tamén apela a "un futuro mellor para a xente que vivimos e traballamos aquí". A portavoz nacional do BNG situou o nacionalismo como alternativa e puxo de manifesto que a organización que dirixe ofrece "un cambio real que deixe atrás a discriminación que estamos vendo e que practican as forzas estatais con este país". Exemplificouno co debate de investidura, onde, denunciou, as forzas estatais "levaron Galiza á irrelevancia política. Non estamos no debate e, por tanto, nada podemos agardar do que pode vir de Madrid".

"Non estamos no debate e, por tanto, nada podemos agardar do que pode vir de Madrid"

Pontón ofreceu "a esperanza de que podemos poñer en marcha un cambio real que faga que a mocidade teña futuro aquí, que as mulleres teñamos igualdade e afrontar desafíos como o cambio climático". Reivindicou desta maneira unha Galiza "con oportunidades e futuro". "O futuro", engadiu, dirixíndose á mocidade, "pode escribirse en moitas cores da man do nacionalismo, que é a alternativa máis xusta para Galiza e para enfrontar con éxito a globalización".

Nesta liña, apostou en construír máis poder político e máis poder económico, así como máis igualdade e benestar social. "Esta é a oferta que nós facemos este 25 de Xullo", concluíu Pontón, que cualificou a do BNG como unha "gran mobilización social que demostra que estamos á alza".

95ebc21b-ce0b-4346-9ba9-b29506d35f89Un mosaico de paraugas ateigou a Praza da Quintana, onde tivo lugar o feche do acto político coas intervencións da propia Pontón e de Paulo Ríos, por Galiza Nova. Olalla Rodil, deputada no Parlamento de Galiza, foi a encargada de conducilo.

Comentarios