Novo fracaso do ex xemad no seu asalto ao Congreso

O militar que non consegue ser deputado

Novo fracaso de Julio Rodríguez, ex xefe do Estado Maior da Defensa, na súa tentativa por conseguir un escano no Congreso. O seu perfil otánico -a súa participación na agresión a Libia- foi sen dúbida un lastre para atraer o voto de IU en Almería.

[Imaxe: Wikipedia]  Julio Rodríguez Fernández
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Julio Rodríguez Fernández

O 20D Julio Rodríguez foi apresentado como a grande fichaxe de Iglesias para as listas de Podemos. Unha fichaxe controvertida, dado o seu perfil. Con el a escadra morada quería reforzar a súa imaxe de forza política "patriótica" e transversal, máis alá da tradicional dialéctica entre dereita e esquerda. Non só ía como candidato a deputado, senón como ministro de Defensa na sombra dun goberno podemita.

En decembro Rodríguez foi de 2 pola lista de Podemos en Zaragoza, mais as urnas fóronlle esquivas. Desta volta, e coa intención de lle garantir un posto de saída, o militar apareceu como cabeza de lista por Almeria, un candidato paracaidista ou cunero, dada a súa nula conexión con ese territorio.

Parecía un posto claro de saída. O 20D, Podemos tivera 39 mil votos e IU, 10 mil. Pois ben, nen así. Rodríguez ficou o 26X tamén fóra da cámara baixa. A súa candidatura foi a cuarta máis votada, co 13,12% dos votos, por debaixo do PP (43,09%) -3 deputados-, PSOE (27,72) -2- e Cs (13,67) -1. Ficou a 1.673 sufraxios da acta.

Parecía un posto claro de saída. O 20D, Podemos tivera 39 mil votos e IU, 10 mil. Pois ben, nen así

Mais o relevante en termos políticos é o número obtido por UP nesta circunscrición: exactamente 39 mil, isto é, os mesmos que conseguira Podemos en decembro. Dito doutro xeito, Rodríguez non conseguiu conquistar un só voto dos 10 mil obtidos por IU a finais de 2015, boa proba do rexeitamento que esta fichaxe de Iglesias produce na base militante da formación liderada por Alberto Garzón.

Recuncará Rodríguez como candidato de haber terceiras eleccións? Veremos.
 

Comentarios