A plataforma de apoio esixe a súa libre absolución

O militante de Xeira Emilio Cao evita a prisión

Emilio Cao, o mozo militante de Xeira acusado de desorde pública e atentado á autoridade, non entrará en prisión. Malia que a fiscalía solicitaba cinco anos e oito meses de prisión e 6.000 euros de multa, o xulgado número 7 de Madrid rebaixou a pena a tres meses de cadea e multa de 200 euros. “Alegrámonos e parabenizamos a Emilio”, sinalou a plataforma de apoio, “pero segue a ser un proceso ilexítimo”.
 

beiras emilio cao antón saánchez
photo_camera De esquerda a dereita, Xosé Manuel Beiras, Emilio Cao e portavoz de Anova Antón Sánchez. Foto: Anova.

Cao foi detido o 22 de marzo de 2014, despois de participar en Madrid nas mobilizacións coñecidas como Marchas da Dignidade. O xuízo, que se ía celebrar inicialmente en marzo, adiouse ao pasado 25 de xuño por incomparecencia dun policía.

As acusacións da Fiscalía levantaron unha ampla vaga de solidariedade co mozo. Un manifesto, promovido polos escritores Suso de Toro e Marilar Aleixandre, recadou apoios de numerosas persoas públicas da cultura e a política. Ao xuízo do pasado 25 de xuño acompañárono congresistas e deputados galegos de En Marea, ademais doutros cargos das organizacións.

O ditame xudicial coñeceuse onte, Día da Patria. Anova, organización da que Emilio Cao tamén fai parte, celebrouno vía redes sociais. A plataforma que pide a libre absolución de Cao, pola súa banda, relacionou todo o proceso coa “dinámica de peche autortario do Réxime e as oligarquías que o sustentan” e afirmou que seguirán “traballando pola liberación de todas e todos os presos políticos do Estado español”.

Comentarios