A militancia luguesa do PSdeG prefire maioritariamente Villoslada

As frontes internas consomen os esforzos dos socialistas lugueses.

[Imaxe: PSdeG] Besteiro con Pedro Sánchez
photo_camera Besteiro, con Pedro Sánchez [Foto: PSdeG]

A Deputación de Lugo continúa coa súa particular batalla cunha maioría de deputados que tentan apartar Manuel Martínez das súas responsabilidades, cun alcalde de Becerreá que fai valer o seu voto decisivo para manter o goberno provincial -reforzando a súa posición a medio de liberacións de persoal da súa confianza- e cun presidente que fía equilibrios tentando salvar o que fica de mandato. A alcaldesa Lara Méndez, lonxe de endereitar o rumbo da cidade a medida que avanza o mandato, dá cada día máis mostras de incapacidade para reverter unha situación que situou o concello nunha absoluta parálise e ausencia de xestión ao tempo que amosa unha absoluta falta de man esquerda para tecer acordos cunha oposición cada día máis enfrontada ao goberno. Non é mellor a situación no resto da provincia, onde os socialistas manteñen un importante número de concellos, nin tampouco no partido, carente a día de hoxe de dirección e liderados, sen visibilidade pública e diluído diante dos problemas das luguesas e os lugueses.

A unidade, a principal fortaleza dos socialistas lugueses nos procesos orgánicos do PSOE a nivel galego e estatal, non é más que unha lembranza do pasado. Atrás fican os días en que Lugo, primeiramente dirixido por Xosé Blanco e López Orozco e posteriormente por Gómez Besteiro, se presentaba como un bloque compacto nos congresos socialistas para facer valer unha influencia que non se correspondía coa súa afiliación. Os tempos son outros e nesta ocasión os diversos candidatos á secretaria xeral do PSOE na Galiza terán que pelexar os seus apoios ao longo e ancho da provincia, se ben a esta altura do proceso a maioría da militancia se decanta por Juan Díaz Villoslada, o candidato patrocinado polo presidente da deputación d´A Coruña Valentín Formoso e pola presidenta da xestora galega Pilar Cancela. A favor de Villoslada xoga a sintonía que determinados dirixentes socialistas de Lugo, como Gómez Besteiro, Lara Méndez, Álvaro Santos ou Darío Campos, manteñen con Formoso e, sobre todo, o rexeitamento que os outros candidatos xeran na provincia. 

A favor de Villoslada xoga a sintonía que determinados dirixentes socialistas de Lugo manteñen con Formoso e  sobre todo rexeitamento que os outros candidatos xeran na provincia. 

Gonzalo Caballero conta co seu grupo de fieis en Lugo, onde destacan persoas como o antigo concelleiro lugués Xosé Luís Díaz, o deputado autonómico Xosé Antonio Quiroga ou Raquel López, cun papel destacado na plataforma de apoio a Pedro Sánchez e que acadaron unha notábel representación na lista de delegados para o congreso confederal do PSOE; porén, o seu perfil e os seus apoios non son do agrado da grande maioría dos cadros da provincia, mesmo daqueles máis próximos a Pedro Sánchez. Nestes últimos sinálase Gómez Besteiro, home forte do partido na provincia e grande muñidor do sanchismo nas pasadas primarias, cuxo enfrontamento con Caballlero e coa súa xente en Lugo vén de vello, pero tamén unha boa parte de dirixentes locais, fundamentalmente alcaldes, que se manteñen leais ao antigo barón provincial e cuxo papel será decisivo no proceso precongresual. Outro sector no que o socialista de Vigo provoca un grande rexeitamento é entre aqueles militantes que apostaron en Susana Díaz no pasado congreso, particularmente as xentes de Blanco, Orozco ou Martínez, que apoiarían Díaz Villoslada como mal menor, unha vez que comproben que a candidatura de Leiceaga carece de posibilidades de vitoria.

Lara Méndez situou o concello nunha absoluta parálise e amosou ao tempo unha absoluta falta de man esquerda para tecer acordos cunha oposición cada día máis enfrontada ao goberno
 

Os socialistas lugueses xa miran de esguello o seu congreso provincial, onde deberán poñer fin a interinidade na que se atopa o partido tras a dimisión de González Santín vai para dous anos e tentar relanzar unha organización que esmorece sometido a dupla conflitividade que vive o partido, a consecuencia da situación galega e estatal pero tamén provincial. Álvaro Santos, concelleiro socialista en Friol, portavoz do goberno da deputación e persoa que medrou politicamente ao abrigo de Gómez Besteiro, tal como adiantaramos en exclusiva en Sermos Galiza, será o próximo secretario provincial dos socialistas en Lugo. Así é todo, fica sen resolver o “caso Martínez”, o grande problema do PSOE en Lugo, a única dúbida é se esta será apartado do PSOE antes ou xustamente despois do congreso provincial, como teñen sinalado a Sermos Galiza persoas próximas a Besteiro, ou se pola contra os votos do seu sector son tan decisivos para o congreso galego que o de Becerreá fica blindado.

Comentarios