A militancia do PSdeG na Coruña, Ferrol e Santiago deixa as secretarías locais dos partidos en mans dos alcaldes

Inés Rey, Ángel Mato e Xosé Sánchez Bugallo.
Ines Rey
photo_camera Inés Rey nunha foto de arquivo.

Inés Rey foi elixida este domingo nova secretaria local do PSdeG da Coruña. A alcaldesa superou con 63% dos votos á outra candidata, a até agora secretaria xeral, Eva Martínez Acón. Segundo confirmaron fontes socialistas consultadas por Europa Press, Inés Rey obtivo 264 votos dos militantes coruñeses, mentres que Eva Martínez Acón alcanzou 152.

Ambas as dúas socialistas, que se abrazaron após coñecer o resultado das votacións, protagonizaran un conflito interno que estalou coa expulsión de Martínez Acón do Goberno local por parte da rexedora por considerar que desatendía as súas funcións como concelleira. Pola súa banda, a até agora secretaria local respondeu asegurando que o motivo foi a reclamación das achegas que o grupo municipal socialista e algúns edís, entre eles a propia alcaldesa, debían ao partido.

Inés Rey asegurou que o PSOE coruñés sae desta votación como un partido "máis unido, próximo á cidadanía e integrador", ademais manifestou que a militancia apoiou "o proxecto de cidade" que lidera desde hai dous anos. O novo equipo que lidera Inés Rey contará con Francisco Dinís Díaz Gallego como vicesecretario xeral e con Gonzalo Castro como secretario de organización.

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, repite como secretaria local do PSdeG pontevedrés cunha lista de "consenso". O concelleiro Iván Pontes será o novo secretario de Organización dunha Executiva presidida por Benito Gama e na que haberá tres vicesecretarías.  A secretaria xeral dos socialistas pontevedreses mostrouse "orgullosa e ilusionada" de encabezar un "proceso de renovación" que tiña como obxectivo saír máis "unidos, fortes e cohesionados".

O actual alcalde de Ferrol, Ángel Mato, é o novo secretario local da formación socialista en Ferrol após unificar a súa candidatura con Germán Costoya, edil da corporación que esta mesma semana anunciara que se presentaría para relevar no cargo á até agora secretaria local, Beatriz Sestayo. Na asemblea realizada este domingo en Ferrol, Ángel Mato asegurou que asumir este novo cargo é un "reto persoal e unha responsabilidade moi grande".

Pola súa parte, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, regresa á Secretaría Xeral da agrupación socialista da capital galega ao ratificarse a lista unitaria pola que o rexedor regresará ao cargo que xa ocupou na súa anterior etapa como alcalde santiagués. Como 'número dous' de Bugallo estará a concelleira de Cultura no consistorio compostelán, Mercedes Rosón, mentres que a Secretaría de Organización será asumida por Carmen Fernández Morante. O tamén edil do goberno local Gonzalo Muíños asumirá a área de Política Municipal e Acción electoral.

Así mesmo, este sábado tiveron lugar as asembleas de Vigo e Lugo nas que, do mesmo modo que en Santiago e Ferrol, houbo candidatura de consenso encabezadas, respectivamente, polo concelleiro olívico, Carlos Font, -substitúe a Abel Losada- e a concelleira lucense, Ana González-repite no cargo-.

No caso de Ourense prevese que a asemblea teña lugar a próxima semana. Na cidade das Burgas, agora capitaneada por unha xestora, só se postulou polo momento un afín ao secretario provincial e portavoz local, Rafael Rodríguez. Nos últimos días, militantes do PSdeG en Ourense denunciaron que a dirección galega permitía unha alteración das bases da convocatoria de renovación da asemblea local para participar no proceso interno.

Comentarios