A militancia de Anova decide ir con IU a Europa por apenas 11 votos

A opción de concorrer ás eleccións europeas integrados na candidatura que Izquierda Unida vai promover a nível estatal colleita até 380 dos votos emitidos pol@s 791 participantes no referendo. Con 369 ficou a segunda opción, mentres que @s partidari@s de non concorrer foron unicamente 37, segundo informou a propia organización.

anova_contando
photo_camera Reconto en Compostela [Imaxe: Anova]


Opción 1: integrarse na candidatura promovida por Izquierda Unida a nível estatal. Foi a escolla que a militancia de Anova-Irmandade Nacionalista realizou este domingo nun referendo que resolveu a incógnita de con quen concorrería a formación soberanista ás eleccións europeas. 

Esta posibilidade, a mesma que defendeu Xosé Manuel Beiras, colleitou un total de 380 votos emitidos polas 791 persoas que tomaron parte da votación, o 72,44% da militancia chamada ás urnas, segundo os dados facilitados pola propia organización. Por detrás, mais tan só a 11 votos de diferenza, quedou a Opción 2, que pasaba por que Anova conformase unha coligación con forzas políticas nacionalistas de esquerda das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas da esquerda rupturista.

Do referendo tomaron parte 791 persoas, o 72,44% da militancia, segundo o dado facilitado por Anova

Así as cousas: finalizado o escrutinio das por volta de 40 mesas colocadas en todo o País, os dados son os que seguen: 380 votos para a primeira opción; 369 votos para a segunda opción; 37 votos para a terceira opción --non concorrer aos comicios europeos--; 3 votos en branco e 2 votos nulos. Por comarcas, os maiores índices de participación rexistráronse en Vigo, onde votaron 101 persoas e venceu a primeira opción con 58 papeletas riscadas ao seu favor. 

A opción escollida recibiu o 48% dos votos, representando menos da metade da organización; a opción 2 ten o 46,6% dos votos e a opción 3, o 4,6%

Até 80 persoas votaron na Coruña, onde venceu a segunda das opcións con 46 votos; a mesma opción que se impuxo en comarcas máis pequenas como na Limia (15 votos de 18) e no Val Miñor (45 votos de 64). En Compostela e Ourense a meirande parte d@s eleitor@s decantáronse por concorrer na listaxe de IU con 40 votos na primeira comarca e 34 na segunda, respectivamente. 

Na mesa colocada en Teo, concello gobernado por Martiño Noriega, quen manifestou publicamente a súa preferencia pola candidatura da esquerda federal española, foi esa a opción que arrasou nas votacións: 39 votos dos 41 emitidos. A participación variou moito segundo as comarcas, sendo moi baixa en Ferrolterra, a primeira comarca da cal tivo dados Sermos Galiza, pois só votaron 31 persoas. Tampouco foi notoria en Compostela, contabilizándose 61 papeletas.

En que se traducen os resultados deste referendo?

A consulta á militancia que Anova-Irmandade Nacionalista decidiu emprender evidenciou que a organización que lidera Xosé Manuel Beiras está dividida en dúas metades e que ambas as dúas contan practicamente co mesmo peso político.

Así o sinalan as papeletas riscadas: o 48% en prol da candidatura da esquerda federal e case o 47% en prol dunha candidatura que, a priori, carrexaría unha maior autonomía para a organización soberanista, como forza galega con capacidade para mudar a compaña da coligación en que se integra dependendo do proceso eleitoral que afronte.

O pronunciamento público de Xosé Manuel Beiras xogou un papel decisivo nos resultados. Cando todo facía presaxiar que o líder de Anova ficaría do lado dos seus próximos, nomeadamente Luis Eyré 'Palleiro' e Mario López Rico, o histórico nacionalista deu un xiro de temón e posicionouse do lado do sector crítico que lidera Noriega, o alcalde de Teo. As dificultades para non se saír do espazo nacionalista chegan agora, cando a listaxe que incluirá @s candidat@s de Anova terá que ser ratificada, en último termo, polos órganos federais de IU en Madrid.

Comentarios