Máis de 120.000 persoas segundo a organización

"Non nos rendiremos": miles de persoas maniféstanse en Madrid na defensa do dereito á autodeterminación

O Paseo do Prado da capital española encheuse cunha maré de persoas para denunciar a represión contra o independentismo e para defender que o dereito a decidir “é democracia”. Na mobilización houbo unha nutrida comitiva galega. A organización cifra en 120.000 persoas as participantes na marcha, unha cifra que a delegación do goberno rebaixa a 18.000.

autodeterminacion madrid

Miles de persoas manifestáronse na tarde deste sábado no centro de Madrid para reivindicar o dereito a decidir e denunciar a represión contra o independentismo. Foron 120.000 manifestantes segundo a organización mais apenas 18.000 para a delegación do goberno español.  A mobilización, convocada por entidades e partidos soberanistas cataláns e apoiada por colectivos de todo o Estado, encheu o Paseo do Prado, todo nun ambiente festivo e de reivindicación. Esteladas, ikurriñas, bandeiras galegas coa estrela vermella, bandeiras españolas republicanas... e o amarelo (cor pola liberdade dos líderes independentistas cataláns) a tinxilo todo: desde camisolas a lazadas.

faixa autodeterminacion madrid

Na manifestación tomaron parte membros do goberno catalán, co president Quim Torra á fronte, e máis de 200 alcaldes e alcaldesas de Catalunya. “Non pasarán”, “Liberdade presos políticos”, “Autodeterminación non é delito” ou “Non é un xuízo, é unha farsa” foron algúns dos lemas coreados na nutrida marcha. “1 de outubro, nin olvido nin perdón” foi outra das consignas que máis se corearon.

A marcha decorreu baixo o lema “Autodeterminación non é delito. Decidir é democracia”, presente na faixa de cabeceira. Segundo a organización, por volta de 600 autocarros procedentes de diferentes partes do Estado chegaron a Madrid con xente para asistir á manifestación: a maioría deles saíron de Catalunya (máis de 500) mais tamén os houbo procedentes de Galiza, Euskal Herria ou Andalucía. Como ao longo da mañá denunciaron diversos medidos cataláns, controis da Garda Civil pararon autocarros que se dirixían á mobilización para revisalos.

mar de  lumes manif madrid

Columna Galega

Na manifestación houbo tamén presenza galega. Unha faixa co lema “A autodeterminación non é delito” abría o bloque de manifestantes galegas. Apoiaban a mobilización en Madrid BNG, Anova, CIG, CUT, Vía Galega e Plataforma Galiza con Catalunya. De Galiza partiron varios autocarros con destino á capital do Estado para participar na marcha, fretados por Galiza con Catalunya. Tamén houbo quen se desprazou en tren, en vehículo particular e houbo afluencia de galegos e galegas residentes en Madrid, como os organizados en Fenda. Tamén se sumaron á mobilización seareiros e seareiras do Celta que acudiran a Madrid para apoiar á equipa fronte ao Real Madrid.

A gran manifestación finalizou na Praza de Cibeles, onde tiveron lugar os discursos. A xornalista Patricia López foi a primeira en intervir e quixo mostrar a “solidariedade" do Madrid "republicano e antifascista" para coas "persoas golpeadas por querer votar o 1 de outubro”. Elisenda Paluzie, da Assemblea Nacional Catalana, resaltou a importancia de facer estes actos en Madrid e en calquera outro lugar: “Temos que ser portavoces da denuncia” da represión contra o independentismo e agradeceu as mostras de solidariedade para cos presos e presas.

D1yuB18WsAEOw5P

No acto tamén tomaron a palabra representantes das familias dos líderes independentistas cataláns presos e dos rapazes encarcerados de Altsasu, que denunciaron o recorte en liberdades e dereitos que se está a dar no Estado español. Oscar Reina, en nome dos sindicatos que apoiaban a manifestación -entre eles, os galegos CIG e CUT- pediu a liberdade dos presos políticos e cargou contra a monarquía e o Estado español para reivindicar a soberanía "dos pobos" como a ferramenta útil para "derrocar" as elites e acabar co réxime do 78.

Pecharon as intervencións Elena Martínez e Jaime Pastor, en representación da rede de colectivos madrileños que apoiaron esta marcha: "Grazas por estar aquí, grazas pola vosa loita", dixeron aos asistentes. O canto de L'Estaca puxo o ramo á mobilización.

Comentarios