COMEZA A PRECAMPAÑA DAS GALEGAS

Tellado, secretario xeral do PPdeG: "Beiras vai a Madrid a polo beneplácito de Iglesias para ser candidato"

Neste momento as dúas cuestións pendentes da política galega é o calendario eleitoral e a candidatura de En Marea. Sobre o primeiro asunto, o secretario xeral e director de campaña do PPdeG, Miguel Tellado, non saíu do guión. Sobre o segundo, considerou "lamentábel" que o candidato da Marea se "decida en Madrid". A precampaña xa está aquí.

Miguel Tellado.
photo_camera Miguel Tellado.

O PPdeG vai lanzado a pola maioría absoluta após os excelentes resultados colleitados o 26X. Esta mesma sexta feira, apresentou en rolda de imprensa a súa precampaña para as galega a meio dunha conferencia de imprensa do seu secretario xeral, Miguel Tellado. O PP xa ten constituído o seu comité de campaña, que dirixirá o propio Tellado, e a comisión redactora do programa, encabezada polo portavoz do grupo parlamentar, Pedro Puy.

Tellado non dubidou en se felicitar polo saldo co que o PP fechou o 26X. "A oposición perdeu 100 mil votos en seis meses", espetou, en tanto que o PP obtivo "40 mil votos máis" e unha percentaxe de voto "8,5% superior" ao promedio do partido no estado.

Aliás, alertou contra a "autocompracencia" e afirmou que o partido enfrenta as xerais co obxectivo de ir a pola maioría absoluta para evitar "o bloqueo" que se podería producir no Hórreo se houber un Parlamento fragmentado como o estatal. Esta loxicamente vai ser unha das liñas discursivas do PP de aquí ás eleccións.

Tellado foi particularmente claro a respeito dos targets do PP en campaña. Irán a polos "votos de Cs" e a polos "votos moderados do PSOE" visando o obxectivo de "evitar" que estes sufraxios servan para "facer presidente da Xunta a Xosé Manuel Beiras".

O secretario xeral da formación conservadora mostrou a súa convicción de que Beiras quer ser candidato e ligou a viaxe deste a Madrid -encabezando unha numerosa delegación de Anova- á súa pretensión de obter o "beneplácito" de Pablo Iglesias, o nihil obstat para a súa candidatura.

Tellado, que pediu "concentrar o voto en Feijóo", considerou "lamentábel" que se vaia decidir en Madrid "a candidatura da Marea".

A respeito da data da convocatoria das galegas -fontes do PP sinalan que podería ser a finais do mes de setembro-, o secretario xeral do PPdeG botou man do argumentario máis previsíbel e afirmou que esa é unha "prerrogativa" do presidente da Xunta e que Feijóo decidirá en atención "ao interese de Galiza".

Impasse na Marea

En realidade, o impasse e a calma tensa son as palabras que definen o ambiente da Marea nestes días. Todos os actores son conscientes das urxencias do calendario e de que nos próximos días era ben ir definindo a candidatura.

As posicións non teñen variado sustancialmente a respeito de hai uns meses. Anova continúa sen desbotar a candidatura de Beiras, se ben este asunto -informaron a este respeito a Sermos fontes da formación- aínda non foi tratado nos seus órgaos de dirección. Mentres, en EU e as mareas -nomeadamente a atlántica- tampouco hai novidades e as preferencias apuntan a unha personalidade independente e de prestixio social.

Anova realizará esta sexta feira en Madrid encontros bilaterais coas direccións españolas de IU e Podemos. Todo indica que neses contactos se falará sobre a alianza destas forzas para as eleccións galegas e, consecuentemente, sobre a candidatura. 

Comentarios