Miguel Tellado e Paula Prado, 'persoas non gratas' en Ourense?

A Deputación de Ourense debaterá unha moción do PSdeG polas declaracións de Prado e Tellado sobre a chegada do AVE á Galiza.
Paula Prado e Miguel Tellado, xunto con outros dirixentes do PP. (Foto: PP)
photo_camera Paula Prado e Miguel Tellado, xunto con outros dirixentes do PP. (Foto: PP)

O PSdeG defenderá unha moción no vindeiro pleno da Deputación de Ourense para nomear 'persoas non gratas' a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, e o vicesecretario de Organización dos populares a nivel estatal, Miguel Tellado, polas súas polémicas declaracións sobre a chegada do AVE á Galiza que ambos pronunciaron.

Así mesmo, a iniciativa, que foi presentada esta quinta feira polo secretario dos socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino, tamén pedirá aos dous dirixentes populares que renuncien aos seus cargos tanto no ámbito orgánico como no institucional.

O pasado 25 de xuño nun acto do PP, Prado denunciou, ante a ausencia dos trens Avril no país, que "o AVE chegou a Ourense, pero non á Galiza".

"Non é defendíbel que veñan aquí de modo planificado, á nosa cidade, e que fagan ese tipo de declaracións", recriminou Villarino, que entende as palabras da secretaria xeral do PP galego como unha manobra para "atacar o Goberno español".

Para o dirixente socialista, "(Prado e Tellado) demostraron cal é a perspectiva que ten o Partido Popular sobre Ourense", que é "unicamente o seu celeiro de votos".

Postura de Baltar

Aliás, os socialistas puxeron o foco en que tiveron "todo o tempo do mundo" para rectificar, "porque todo o mundo pódese equivocar nunhas declaracións", pero "non só non pediron desculpas, senón que persistiron nese tipo de declaracións". 

No pasado pleno municipal de Ourense, Democracia Ourensá (DO) presentou nun primeiro momento unha moción para exixir a dimisión de Paula Prado, aínda que finalmente a formación decidiu retirala.

Agora o PSdeG solicita "declarar 'persoas non gratas'" estas dúas persoas no pleno da Deputación, onde o PP non conta coa maioría absoluta.

En canto á postura do PP ourensán, Villarino recoñeceu a "dificultade" que supón para os populares, dirixidos por Manuel Baltar, de votar a favor desta moción, polo que lle pide que "se poña de perfil". "Non fai falta que ataquen o seu propio partido", simplemente que "permitan que aquelas persoas que loitan por Ourense saquen adiante esta moción", concluíu o socialista.

Comentarios