Miguel Corgos, Elena Muñoz ou Xoaquín Fernández Leiceaga, á comisión de financiamento

A Comisión especial que analizará a reforma do sistema ten previsto solicitar 21 informes e documentos tanto a entidades como a Administracións públicas para coñecer a situación real e procurar opcións de mellora. Aliás, xa confirmou a convocatoria de 11 "testemuñas" especializadas.
Miguel Corgos, nunha imaxe de arquivo (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera Miguel Corgos, nunha imaxe de arquivo (Foto: Xoán Crespo).

A Comisión especial que se encargará do estudo da reforma do sistema de financiamento aprobou esta quinta feira o plan de traballo, que abrangue desde a solicitude de 21 informes e documentos a distintas entidades até contar coa testemuña experta de 11 persoas que comparecerán polo sei vínculo ao ámbito financeiro e o seu coñecemento.

Un deses especialistas convocados pola comisión é o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, máis tamén están chamados a senadora do PP e ex responsábel da área que agora dirixe Corgos, Elena Muñoz. Da mesma maneira, agárdanse as achegas do senador socialista e profesor de Economía aplicada na USC Xoaquín Fernández Leiceaga, e o profesor e Economía Pública da Universidade Autónoma de Barcelona, Ángel de la Fuente.

Outras das persoas que darán a súa opinión sobre as necesidades e eivas do financiamento serán o economista e membro do comité de expertos do Estado español, Santiago Lago; o profesor de Facenda Pública da Universidade de Oviedo, Roberto Fernández-Lerra; e Diego Martínez, do Departamento de Economía, Métodos Cuantitativos e Historia Económica da Universidade Pablo de Olavide.

Completan a listaxe as e os expertos en ámbitos económicos e finanzas María Cadaval, Francisco J. Constenla, Xosé Díaz e Alberto Turnes.

Estratexia de traballo

O plan de traballo para esta fase de análise da mudanza do sistema está conformado por tres fases. A primeira será a demanda de documentación para estudar a realidade actual do financiamento e as diversas posibilidades de mellora.

Neste momento serán analizados textos achegados por expertas e expertos así como aqueles informes que faciliten as consellarías vinculadas á sanidade, educación e servizos sociais. Estas deberán facilitar os custos dos servizos prestados. Tamén interesan outros datos que teña ao seu dispor o Consello de Política Fiscal e Financeira.

A segunda etapa será a de escoitar as comparencias de persoas especialistas. Unha vez concluídos estes relatorios, as e os membros da comisión non permanente deberán elaborar o proxecto de ditame e o borrador coas conclusións xerais.

Comentarios