Miguel Caride, cesado como vicepresidente da Deputación de Ourense

A condición de tránsfuga, pola súa desvinculación con Democracia Ourensá (cuxa cabeza visíbel é o aínda alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome), impide que continúe no cargo.
Miguel Caride e José Manuel Baltar nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Miguel Caride e José Manuel Baltar nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O mandatario da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, procedeu a destituír como vicepresidente da institución Miguel Caride, ao emitir o secretario da corporación provincial un informe en que cuestiona a legalidade do seu nomeamento e a posibilidade de que puidese ocupar responsabilidades de goberno. O relatorio redactado polo máximo responsábel xurídico do ente provincial elaborouse unha vez que o Tribunal Supremo privou os edís tránsfugas de asumir cargos de representación que non ocupasen con anterioridade a abandonar a formación pola que foron elixidos, aspecto no que concorreu Miguel Caride tras abandonar Democracia Ourensá.

Baltar vese obrigado a prescindir de Caride no Executivo provincial, mais o seu voto é chave para garantir a maioría do Partido Popular na Deputación.

Segundo sinalou nun comunicado a propia institución, “polo de agora, non se vai cubrir o posto de vicepresidente segundo, que ocupaba Caride, nin tampouco a vacante que queda na Xunta de Goberno provincial, á espera das resolucións xudiciais que se deriven do procedemento aberto no Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Ourense sobre medidas cautelares de suspensión dos acordos adoptados por DO, referidas á situación da representación política de Miguel Caride e doutros ex concelleiros de DO no Concello e na Deputación de Ourense”.

A sentenza 1401/2020

A destitución de Miguel Caride é a primeira consecuencia política da sentenza 1401/2020, da Sala Terceira do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo. A mesma recolle, no seu contido, que “o pase á condición de concelleiro non adscrito, como consecuencia ou por razón dun suposto de transfuguismo, si impide que se asuman cargos ou que se perciban retribucións que antes non se exercían ou percibían e impliquen melloras persoais, políticas ou económicas. Fica excluída desta limitación a incorporación ás comisións informativas”. Afecta, así, o pase á condición de concelleiro non adscrito, por incorrer en transfuguismo, cando se produce un incremento ou mellora do status e toma como referencia “aqueles beneficios políticos distintos aos indispoñíbeis por seren asociados á condición
de concelleiros”.

A referida resolución xudicial ten a súa orixe nun litixio xurdido no Ajuntament de Font de la Figuera no País Valencia, onde o grupo municipal do PP recorreu após as eleccións de 2015 a decisión dunha edil de Ciudadanos que acabou apoiando un alcalde de Compromís.

A práctica totalidade dos xuristas que teñen analizado o fallo considérano coherente co espírito do artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local, coas disposicións recollidas nos diversos acordos contra o transfuguismo asinados nas últimas décadas, coa maioría das resolucións xurdidas dos tribunais territoriais e coa doutrina enunciada con anterioridade polo Tribunal Constitucional. A este respecto, a súa aplicación abre a porta a mudanzas dos Gobernos de diversas corporacións galegas, onde concelleiros considerados como tránsfugas fan parte do mesmo.

Unha sentenza contra Baltar

A argumentación xurídica seguida polo secretario xeral da Deputación de Ourense pode adiantar o criterio a aplicar noutros concellos como Castrelo de Miño ou Viana do Bolo, onde as forzas da oposición denunciaron que os Executivos xurdidos das recentes mocións de censura conformáronse con concelleiros tránsfugas.

Así, en Castrelo de Miño, a Xunta de Goberno está participada por dous edís que abandonaron o PSOE, partido polo que concorreran ás eleccións locais. Pola súa banda, no caso de Viana de Bolo, o propio alcalde xurdido da moción de censura, Abelardo Carballo, ten a condición de tránsfuga, após ser expulsado do PSOE tras pactar co PP para apartar do Executivo local o BNG.

Comentarios