ESCRITOR, EDITOR E COLABORADOR DE SERMOS GALIZA

Miguel Anxo Fernán Vello encabezará a lista de En Marea ao Congreso por Lugo

En Marea vén de dar a coñecer a listaxe provisional coa que concorrerá ao Congreso e ao Senado, á espera de convocar unhas “eleccións primarias de validación”.

fernanvello

Á espera de organizar unhas “eleccións primarias de validación”, En Marea, a candidatura da coligazón de Anova, EU e Podemos, vén de facer públicas na súa páxina web as listaxes coas que concorrerá aos comicios xerais do 20 de decembro após o reparto de postos entre as formacións políticas.

Aínda que moitos dos nomes recollidos na candidatura xa se fixeran públicos, hoxe podemos coñecer que Miguel Anxo Fernán Vello, escritor, editor e colaborador de Sermos Galiza, encabezará a candidatura ao Congreso pola provincia de Lugo. Seguen Fernán Vello, Sol González-Ruiz Carcur, José Manuel Pérez Afondo (Podemos) e Rocío Somoza López (EU). Luis Daporta, Modesto Renda (Vilalba Aberta) e Carmen Granxeiro serán os candidatos ao Senado por Lugo.

O dirixente de Podemos Antón Gómez-Reino encabezará a lista pola Coruña, seguido de Yolanda Díaz (coordinadora nacional de EU); Flora Miranda (Compostela Aberta); o portavoz de Galicia, Mellor sen Touradas e de Libera, Rubén Pérez Sueiras; Xaime Subiela (politólogo); Gladys Afonso (Anova); María José Bóveda e Loreto Taibo. Ademais, José García Buitrón (Podemos); Iria Otero Romero (Anova) e André Seoane Antelo (Compostela Aberta) concorrerán ao Senado pola Coruña.

Por Ourense presentarase como número un David Bruzos (de Ourense en Común), ao que seguen María Sofía Díaz (EU), Carmela Docampo (Podemos) e Carlos Lorenzo Simón (Anova). No que respecta ao Senado presentaranse por Ourense Pilar Barros (Anova), Juan Villarino (Podemos) e Isabel Peña-Rey (EU).

Xosé Luís Méndez Ferrín, candidato ao Senado por Pontevedra

Por Pontevedra encabezará a lista Alexandra Fernández (Anova), seguida de Ángela Rodríguez Martínez (Podemos), Josué Villar Ballesteros (EU), Lara Rodríguez Peña (APAC), Francisco Díaz, Blanca Barrio Gutiérrez e David Carballal Vázquez (Anova). María Vanesa Angustia Gómez (IU), Marta Díaz (Podemos) e o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín serán os candidatos de En Marea ao Senado por Pontevedra.

A candidatura de En Marea reponde ao acordo político asinado entre Anova, EU e Podemos. Como xa publicara Sermos Galiza, o número 1 da candidatura de En Marea ao Congreso pola Coruña corresponderíalle a Podemos e o número 2, a EU. Ademais, o número 1 ao Congreso por Pontevedra corresponderíalle a Anova e o número 2, a Podemos.

A coligazón garante a representación parlamentaria de Anova, EU e Podemos ao longo da lexislatura

No acordo político entre as tres formacións principais que forman a coligazón recóllese o estabelecemento de “mecanismos de rotatividade” nos escanos. Así, en función do resultado electoral, garantirase “a representación parlamentaria das tres partes coaligantes ao longo da lexislatura”. O acordo tamén sinalaba que o resto dos postos da candidatura serían “estabelecidos no marco de consenso con todos os axentes participantes no proceso”.

Nota de corrección: nunha primeira versión desta peza, informamos erroneamente que Flora Miranda é de Anova. En realidade, fai parte de Compostela Aberta.

Comentarios