A II Asemblea nacional do MGS pon o reforzo do proxecto nacionalista galego no albo

A formación independentista presentou o conclave que terá lugar en Pontevedra o 13 de decembro.

Cartaz-2AN_6

Rafa Vilar e Noa Presas presentaron esta cuarta feira o cartaz e lema que presidirán a II Asemblea Nacional do Movemento Galego ao Socialismo. Após cinco anos da súa fundación, a formación independentista visa analizar o tempo transcorrido e o novo contexto político no que se atopa Galiza marcado, sinalou Vilar, pola "crise sistémica" e os "efectos devastadores" que esta ten sobre a "clase traballadora" e "a mocidade". 

Baixo o lema 'Construír e avanzar', o MGS quer contribuír após o conclave a "reforzar o proxecto nacionalista" como "alternativa". Neste senso, salientou Rafa Vilar, o MGS sitúa no albo da súa asemblea marcar como obxectivo "consolidar e ampliar a base do nacionalismo político e social" que artelle unha "resposta galega" e rache co Estado español e o capitalismo. 

Pola súa banda, Noa Presas salientou outro dos obxectivos do encontro que terá lugar o 13 de decembro en Pontevedra e é, fornecer das "ferramentas"  precisas á organización para traballar en diversas frontes nas que xa vén actuando, nomeadamente no seo do BNG e a CIG. 

Comentarios