Homenaxe a Reboiras

O MGS recupera o espírito de Reboiras para avanzar na liberación do país

O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) volveu escoller Dodro como lugar para homenaxear a Moncho Reboiras. A formación lembrou que “a súa loita está viva nos militantes que seguen os ideais que inspiraron a súa vida”.

Acto do MGS en Dodro
photo_camera Acto do MGS en Dodro

Na súa intervención no acto convocado polo Movemento Galego ao Socialismo en Dodro, Noa Presas, en nome da Mesa Nacional do MGS, puxo de manifesto que “a pesar da intensidade deste último ano político, non ocorreron mudanzas significativas” e que, polo tanto, “as supostas forzas do cambio non serven para realizar modificacións a fondo que transformen a realidade galega na liña da liberación”. Presas animou a militancia a perseverar no traballo político en todos os campos, incluído o eleitoral, onde o BNG “afronta un importante repto neste outono”.

Noa Presas: "As supostas forzas do cambio non serven para realizar modificacións a fondo que transformen a realidade galega na liña da liberación"

O acto do MGS encetou coa intervención de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro, quen apelou a “continuarmos loitando polos obxectivos de Reboiras, tamén desde o labor que desenvolven os e as concelleiras nacionalistas ao longo do país”.

A seguir, tomou a palabra en Dani Barral, de Isca, quen recordou como Reboiras encarnou o “compromiso nacional-popular na súa loita contra a ditadura franquista”, e que hoxe a mocidade galega aínda “no horizonte incerto que nos brindan a opresión capitalista, a precariedade, o aumento da represión policial ou a brutal recentralización españolizadora” non renuncia á alegría e o vigor da xuventude revolucionaria.

Aliás, o acto contou coa actuación musical do cantautor galego Tino Baz e coa intervención de Lois Ríos, unha das persoas que acompañaba a Reboiras o 12 de Agosto de 1975. 

Comentarios