O MGS debate sobre a folla de ruta do soberanismo do século XXI

Compostela acolle unha xornada nacional coa que o Movemento Galego ao Socialismo quer repensar e actualizar a táctica e a estratexia soberanista.

Laura  Rodríguez, Noa Presas e Kuka Sar na primeira palestra do encontro do MGS (Imaxe: @mgsgaliza)
photo_camera Laura Rodríguez, Noa Presas e Kuka Sar na primeira palestra do encontro do MGS (Imaxe: @mgsgaliza)

Após o Movemento Galego ao Socialismo realizar nos dous últimos meses unha serie de encontros abertos en Compostela, Vigo, Ourense, A Coruña e Ferrol, a capital galega acolle este sábado 25 de xaneiro un encontro nacional co obxectivo de repensar e mellorar a táctica e a estratexia do soberanismo para o século XXI.

A xornada decorre na Gentalha do Pichel e nela expóñense e contrástanse as diferentes achegas que saíron nos encontros previos e que versan sobre como avanzar cara á República Galega, como construír unha acción política e transformadora a nivel social e institucional, sobre como ligar o inmediato e o estratéxico e sobre as ferramentas precisas para construír a nova sociedade.

En declaracións a Nós Diario, Breixo Lousada, membro da mesa nacional do MGS; sinala que o obxectivo é precisamente analizar o rumbo do soberanismo, após moitos meses marcados polas continuas campañas electorais. O MGS, partido integrado no Bloque Nacionalista Galego, elaborou para esta rolda de encontros un documento base a modo de guión, que tamén expuxo aos colectivos cos que se reuniu.

O obxectivo é precisamente analizar o rumbo do soberanismo, sinala Breixo Lousada

Baixo o título “Unha acción institucional transformadora” arrancou a primeira palestra da xornada, e contou como relatora coa deputada do BNG no Parlamento galego, Noa Presas; con Laura Rodríguez, concelleira en Sada; e co tamén edil do Bloque Kuka Sar, de Fisterra. As intervencións versaron sobre os límites que teñen as institucións na actualidade e como afrontalos, como empregar o espazo institucional para crear conciencia nacional e social e como poder servir este para avanzar politicamente. A relación entre o popular e institucional foi tamén cuestión que abordaron as relatoras.

O segundo debate tratou “das loitas do día a día e das conquistas inmediatas, sobre o que implica ser soberanistas e independentistas hoxe e sobre como se concreta isto de maneira coherente no día a día”, sinala Lousada a Nós Diario.

Nesta palestra, titulada ‘Táctica e estratexia. Ruptura democrática’ abordouse pois, a relación teórica e real entre liberación nacional e transformación social e a ligazón entre as loitas e as demandas inmediatas co obxectivo estratéxico. Na palestra estiveron José Emilio Vicente e Susana Camba, integrantes da executiva nacional do BNG, e César Caramês, do Proceso Trevinca.

Na tarde e, após un xantar mancomunado, falarase de “acción social, da construción do poder popular e de como mellorar o traballo nos movementos sociais, no campo sindical, no feminismo ou no ámbito do ensino”, resalta Breixo Lousada. O relatorio, que leva precisamente por título ‘Construción do poder popular’, será impartido por Ximena González, activista na Marcha Mundial das Mulleres, Anxo Noceda, da executiva confederal da CIG, e Bruno L. Teixeiro, voceiro de Vía Galega.

O MGS realizará a súa asemblea nacional en 2020

Previamente á clausura, darase lectura a un documento coas conclusións máis salientábeis, as cales se farán públicas a través da páxina web do Movemento Galego ao Socialismo.

Desta maneira, neste sábado 25 de xaneiro ponse o ramo a un proceso de debate sobre táctica e estratexia do soberanismo que non remata aquí, pois o intercambio de ideas continuará nos vindeiros meses dentro do marco da Asemblea Nacional que o MGS realizará en 2020.

Comentarios