Willy Meyer: “Somos partidarios do dereito a decidir, non da independencia”

O candidato de IU reclama un novo modelo para a UE, que rache co poder da Troika, nunha entrevista para o diario El País.

Willy Meyer
photo_camera Willy Meyer

O candidato de IU Willy Meyer mostrou a posición do seu partido, que concorre con Anova ás eleccións europeas, a respecto aos procesos soberanistas. “Somos partidarios do dereito a decidir, pero non da independencia. O problema de Catalunya non é España, é o capitalismo”, afirmou nunha entrevista para o diario El País.

Meyer, que encadea cargos públicos nos últimos 27 anos, entre eles o de eurodeputado durante unha década, considera a súa formación europeísta, mais propón rachar co modelo actual da UE. “Un Europarlamento con capacidade lexislativa, converter o BCE nun banco público, un espazo fiscal, resgatar sectores estratéxicos de producción… Submeter a economía á política”.

O cabeza de lista de IU falou neste senso dunha necesaria nacionalización de sectores como o enerxético ou a banca a nivel do estado español. “A desregulación pactada por PP e PSOE, o non intervir na economía, foi letal. Deixaron baleiros aos estados, que fican sen capacidade de decisión. Produciuse un auténtico golpe de Estado silencioso da Troika”, asegurou Meyer.

"Hai partidos que están a xurdir da noite á mañá porque teñen detrás un poder mediático", asegura Meyer, en referencia a formacións como Podemos

O dirixenter da esquerda española está convencido de que se está a forxar unha grande coligación entre os partidos hexemónicos ante o medo das elites económicas ao fin do bipartidismo. “Entendo que o Ibex35, algunhas empresas de comunicación e a Coroa estén preocupados e asustados. Con IU acábaselle o choio”.

Preguntado pola emerxencia de partidos que se encontran no seu espectro ideolóxico, Meyer restoulle importancia. “Hai partidos que están a xurdir da noite á mañá porque teñen detrás un poder mediático. Mais non ten nada que ver co noso electorado”, afirmou, en clara referencia a formacións como Podemos.

Comentarios