Ángel Mato Escalona, candidato do PSOE á Alcaldía de Ferrol

"O meu partido podería ter feito máis para darlle estabilidade ao goberno de Ferrol"

O senador Ángel Mato (Ferrol, 1971) é o candidato do PSOE á Alcaldía de Ferrol após un proceso de eleccións primarias no seo da forza política que representa. As súas prioridades pasan por lograr un acordo para dispor dun orzamento que permita normalizar os contratos para o axeitado mantemento de parques e xardíns, rozas, recollida de lixo ou iluminación. Responde este cuestionario vía correo electrónico. 

Ángel Mato
photo_camera Ángel Mato

Que supuxeron estes catro anos para Ferrol?

Estes últimos catro anos Ferrol, non tivo a estabilidade política suficiente para poder desenvolver as políticas necesarias para sacar adiante proxectos importantes para a cidade que fosen panca de cambio para o asentamento de poboación, xeración de emprego ou mellora dos servicios públicos esenciais. Proxectos como a sinatura do Convenio de Defensa, a ampliación do campus universitario ou a área sanitaria das comarcas sufriron grandes atrancos para saíren adiante, ou mesmo quedaron parados.

Asemade, servicios básicos municipais como a recollida de lixo, o mantemento de parques e xardíns ou a iluminación viaria carecen a data de hoxe dos contratos, o cal redundou nun peor servicio que, en maior ou menor medida, sufriron os veciños e veciñas da nosa cidade.

As diferenzas políticas e as discrepancias entre partidos provocaron unha parálise administrativa que padeceu a cidadanía

As diferenzas políticas e as discrepancias entre partidos provocaron unha parálise administrativa que padeceu a cidadanía. Desde o meu punto de vista, a política fracasou.
 

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?
O alcalde é o máximo representante da corporación e da cidade. É quen ten que promover o acordo político entre os grupos. A única ferramenta que ten a política é o diálogo e o único obxectivo ten que ser acadar os acordos para poder gobernar.

PP bloqueou calquera iniciativa positiva para a cidade

Non obstante, tamén é moi importante o traballo da oposición e desde o meu punto de vista, unha forza política como o PP bloqueou calquera iniciativa positiva para a cidade e fixo política de ariete contra o goberno local na faciana dos veciños e veciñas de Ferrol.

PP bloqueou calquera iniciativa positiva para a cidade

E o traballo realizado polo seu partido?

Xa o dixen en máis de unha ocasión. Apresenteime a un proceso interno de eleccións primarias porque considero que o meu partido podería ter feito máis para darlle estabilidade a un goberno que no primeiro ano foi compartido, no que o PSOE tivo amplas responsabilidades de goberno e capacidade para poder facer moito máis por Ferrol.

Represento un proxecto diferente, por iso quixen comezar por poñer riba da mesa dez proxectos de cidade que todas as forzas políticas poidamos compartir. Creo que o benestar dos ferroláns e ferrolás está moi por riba dos intereses de partido. Ninguén vai vir de fóra resolver os problemas da nosa cidade, témolo que facer nós. Os piares da miña aposta política son Ferrol é o primeiro, temos que empezar por falar do que compartimos, é preciso ter un goberno sen prexuízos, que goberne para todas e todos e que asuma o papel institucional que lle toca, falando co resto das administracións públicas (Deputación, Goberno Central ou Xunta de Galicia) goberne quen goberne en cada unha delas.
 

Cal é a principal necesidade do seu concello?
Os principais problemas do noso concello son o desemprego e a despoboación paulatina. É evidente que desde o Concello sos non imos ser quen de resolver estas dúas cuestións, pero tamén é moi certo que a administración local é o principal impulsor das demandas e necesidades da veciñanza.

Creo que temos que aproveitar o recente pulo á economía que supón o contrato asinado para a construción das fragatas F110 nos estaleiros de Ferrol

Se somos quen de reclamar xuntos a necesidade da conexión ferroviaria co Eixo Atlántico e Coruña, o impulso ao Campus Industrial da UDC, os fondos para rehabilitar os cascos históricos Ferrol Vello ou Magdalena ou reclamar uns servicios públicos de sanidade ou benestar social mellor dotados de persoal como cabeceira de comarca que somos; seguramente estaremos acertando na nosa forma de facer política e seremos respeitados e referendados pola veciñanza. Creo que temos que aproveitar o recente pulo á economía que supón o contrato asinado para a construción das fragatas F110 nos estaleiros de Ferrol para avanzar e diversificar a actividade económica, mellorando a oferta turística, promovendo un turismo sostíbel no nosos 12 quilómetros de litoral, aproveitando os valores patrimoniais dos cascos históricos e arsenais e dinamizando o pequeno comercio ou a oferta gastronómica de calidade para promover o mellor que ten Ferrol, a calidade de vida que se pode desfrutar nunha cidade que o ten todo.

Todas esas propostas son a medio e longo prazo, agora toca facer funcionar mellor os servizos básicos municipais que son os que máis afectan no cotián.
 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?
Acadar un acordo para dispor dun orzamento que permita normalizar os contratos para o axeitado mantemento de parques e xardíns, rozas , recollida de lixo ou iluminación e tamén desexaría  rematar o Convenio con Defensa despois de case vinte anos de negociacións.

Comentarios