A Mesa do Congreso rexeita a formación do Grupo Múltiple no que se incluía o BNG

A Mesa do Congreso acordou non aceptar ningún dos dous grupos parlamentarios levantados para dividir o Grupo Mixto, nin o múltiple que foron presentados polos BNG, Junts, Más País e Compromís nin o de España Plural promovido por formacións de dereitas. Néstor Rego di que a decisión da Mesa "é política e non respecta un criterio esencial en democracia: que todas as forzas con representación teñan posibilidade de intervención".
Mesa do Congreso
photo_camera Reunión da Mesa do Congreso esta sexta feira.

A Mesa do Congreso acordou onte non aceptar ningún dos dous grupos parlamentarios levantados para dividir o Grupo Mixto, nin o múltiple que foron presentados polos BNG, Junts, Más País e Compromís nin o de España Plural promovido por formacións de dereitas. A Mesa concede ás 21 formacións do Grupo Mixto un prazo de 5 días hábiles para que busquen outras fórmulas que fagan operativo ese grupo.

O deputado do BNG, Néstor Rego, sinalou que a decisión da Mesa "é política e non respecta un criterio esencial en democracia: que todas as forzas con representación teñan posibilidade de intervención" porque, asegura, o grupo cumpría cos requisitos de ter máis de 5 deputados e máis de 5% de votos.

Néstor Rego salienta que o BNG contribuíu a impulsar o Grupo Múltiple para poder saír dun Grupo Mixto que non garantía un mínimo de capacidade de actuación nin visibilidade ao estar constituído por 11 forzas diferentes. O grupo, de carácter técnico, cumpría os requisitos e garantía que o BNG tivese máis posibilidade de intervención, en tempos, iniciativas ou presenza en comisións.

A Mesa do Congreso rexeitou a formación dos dous grupos seguindo os criterios dos avogados, que nun informe que advertira de que ningún dos dous grupos cumpre estritamente os requisitos. O Regulamento establece que todos os partidos que posúan 15 ou máis escanos poden constituír un grupo parlamentario, requisito que cumpren PSOE, PP, Vox e Unidos Podemos e as súas confluencias.

Hai un segundo xeito de establecer o seu propio grupo: superar os cinco deputados máis o 5% dos votos en todo o país, no caso de Ciudadanos, ou o 15% en todas as circunscricións nas que asiste, como é o caso de PNV, ERC e Bildu, que ten por primeira vez un grupo propio.

Porén, o órgano de dirección da cámara segue os criterios dos avogados, que nun informe xa advertiran de o Grupo Múltiple, impulsado por Más País, Compromís, JxCat e o BNG, nin o de España Plural cumpren estritamente os requisitos.

En opinión do BNG, a decisión da Mesa do Congreso non respecta o principio de que todas as forzas con representación teñan posibilidade real de actuación dentro do Congreso, pois ao cabo, representan máis de 1 millón de electores e electoras, no caso de BNG máis de 120.000 galegos e galegas que deben ver garantido o seu dereito de representación.

"É por iso que o BNG continuará a buscar fórmulas que permitan maior capacidade de actuación e que non poidan ser cuestionadas pola Mesa", din as nacionalistas. A Mesa abriu un novo prazo até o venres día 20 para buscar reducir e facer operativo o Grupo Mixto.

Comentarios