Un mes para as eleccións xerais máis decisivas

En apenas dúas semanas comeza formalmente unha campaña electoral que, porén, semella que esá en marcha desde as Europeas de 2014. As candidaturas quentan motores para uns comicios decisivos nos que 2.400.000 galegos elixirán moito máis que 23 deputados e 16 senadores.

Mesa de votación_Vigo
photo_camera [Imaxe de arquivo]

Esta fin de semana comezan os sorteos para designar os membros das mesas electorais. Un procedemento que nos permite ver qué perto están as eleccións xerais do 20-D, uns comicios sobre os que gran parte do eido político, mediático e mesmo social leva falando e preparando desde hai meses. Un mes fica para votar. Vanse 'queimando' etapas para chegar ao día D. O 24 de novembro publicaranse no BOE as candidaturas proclamadas e o 4 de decembro ás 00:00 arranca formalmente a campaña electoral. Por volta de 2.400.000 persoas en Galiza teñen dereito a voto e poderán elixir 23 deputados e 16 senadores.

Só 9 candidaturas compiten nas catro circunscricións galegas por obter representación no Gongreso e no Senado. Nós-Candidatura Galega, 'En Marea', PP, PSOE, Partido da Terra, Ciudadanos, UPyD, os animalistas de Pacma e Recortes cero-Grupo verde. Chégase ao 20D após catro anos dunha crise con brutais consecuencias sociais, de recortes en dereitos e liberdades, de xurdimento de novos actores políticos, de crise do modelo político emanado da Constitución do 78 e dunha fonda fenda aberta nese modelo polo proceso independentista catalán.

Nós-Candidatura galega e a marca de país

A coligazón 'Nós-Candidatura galega' elixiu os seus candidatos nun proceso de primarias no que tomaron parte máis de 4.000 persoas. Carlos Callón, Carme Adán, Olalla Rodil e Noa Presas con as cabezas de lista polas diferentes circunscricións. Preséntanse como a candidatura herdeira do legado do traballo do nacionalismo nas Cortes españolas, desde os deputados galeguistas na II República aos do BNG nestas últimas lexislaturas. A defensa do país desde políticas de progreso é o alicerce da lista. Seis comisións de traballo están agora elaborando, “de forma democrática e `participativa”, unha proposta de programa que será sometida a un referendo telemático por parte das persoas con dereito a voto.

'En Marea': Sumar para o cambio no Estado

'En Marea' nomeou os seus candidatos após unhas priamarias para validar unha lista elaborada polas propias organizacións políticas que asinaron a coligazón electoral: Anova, Podemos e IU. Antón Gómez-Reino, Alexandra Fernández, David Bruzos e Miguel Anxo Fernán Vello serán os cabezas de lista nas diferentes circunscricións. A candidatura nace, e así o sinalaron os seus promotores, con vontade de continuidade e a vista posta nas eleccións galegas de 2016. Concorren ao 20-D coa vontade de achegar e sumar á vaga polo cambio no Estado desde unha aposta pola 'quebra democrática' e o 'dereito a decidir'.

O PP, a capear

O PPdeG sabe que non vai ter doado repetir os 15 deputados que obtivera nas xerais de hai catro anos. Non é esa a súa marca para este 20-D, senón que se conforma con ser primeira forza, o que en 2011 lograra de maneira moi folgada, e a ser posíbel logrando máis escanos que a suma dos de todos os seus rivais.

A ministra Ana Pastor, Joaquín García, Miguel Lorenzo e Miguel A. Viso son as bazas dos populares galegos para encabezr as listas en Galiza. Un discurso no que combinarán o 'mantra' de que está comezando o camiño da recuperación económica que combinarán co da defensa da unidade española fronte aos desafíos independentistas.

O PSOE, a non perder

Pouco imaxinaba hai catro anos o PSOE que un escenario de queda do PP non se correspondería cun alza dos socialistas. Mais ese é o que pode darse o 20-D. En 2011 o PSdeG obtivo seis escanos para o Congreso. Os socialistas chegan a esta cita vendo como parte do seu electorado ten novos pretendentes, de Ciudadanos a Podemos, e cuns meses de vida convulsa: imputacións de Besteiro e Pachi Vázquez, o sarillo don Manuel Martín na Deputación de Lugo...

Enquisas: escépticas co cambio

As enquisas que se están a publicar nestes días coinciden, a grandes rasgos, en tres cuestións: PP e PSOE manteñen a primeira e segunda posición, mais cunha perda importante de votos e escanos. Irrupción de Ciudadanos e Podemos, mais sen forza para se situar como primeiras forzas. E importante representación de forzas soberanistas, nomeadamente de Catalunya e Euskal Herria.

Así, a sondaxe de La Vanguardia vaticina que o PP terá 130 representantes, mentres que o PSOE lograría 109, Ciudadanos 48 e Podemos, 25. IU atinxiría 5, sendo superada por Convergència, ERC e Amaiur e PNV.

Sobre 120 escanos concede ao PP o inquérito de Celeste-Tel, por 102 do PSOE, sobre 60 a Ciudadanos e un teito de 30 a Podemos. A enquisa coincide en outorgar importante representación ao soberanismo catalán e vasco, así como que o nacionalismo galego manterá representación.

Comentarios