Esta fin de semana comezan os sorteos para designar os membros das mesas electorais. Un procedemento que nos permite ver qué perto están as eleccións xerais do 20-D, uns comicios sobre os que gran parte do eido político, mediático e mesmo social leva falando e preparando desde hai meses. Un mes fica para votar. Vanse 'queimando' etapas para chegar ao día D. O 24 de novembro publicaranse no BOE as candidaturas proclamadas e o 4 de decembro ás 00:00 arranca formalmente a campaña electoral. Por volta de 2.400.000 persoas en Galiza teñen dereito a voto e poderán elixir 23 deputados e 16 senadores.
Só 9 candidaturas compiten nas catro circunscricións galegas por obter representación no Gongreso e no Senado. Nós-Candidatura Galega, 'En Marea', PP, PSOE, Partido da Terra, Ciudadanos, UPyD, os animalistas de Pacma e Recortes cero-Grupo verde. Chégase ao 20D após catro anos dunha crise con brutais consecuencias sociais, de recortes en dereitos e liberdades, de xurdimento de novos actores políticos, de crise do modelo político emanado da Constitución do 78 e dunha fonda fenda aberta nese modelo polo proceso independentista catalán.
Nós-Candidatura galega e a marca de país
A coligazón 'Nós-Candidatura galega' elixiu os seus candidatos nun proceso de primarias no que tomaron parte máis de 4.000 persoas. Carlos Callón, Carme Adán, Olalla Rodil e Noa Presas con as cabezas de lista polas diferentes circunscricións. Preséntanse como a candidatura herdeira do legado do traballo do nacionalismo nas Cortes españolas, desde os deputados galeguistas na II República aos do BNG nestas últimas lexislaturas. A defensa do país desde políticas de progreso é o alicerce da lista. Seis comisións de traballo están agora elaborando, “de forma democrática e `participativa”, unha proposta de programa que será sometida a un referendo telemático por parte das persoas con dereito a voto.
'En Marea': Sumar para o cambio no Estado
'En Marea' nomeou os seus candidatos após unhas priamarias para validar unha lista elaborada polas propias organizacións políticas que asinaron a coligazón electoral: Anova, Podemos e IU. Antón Gómez-Reino, Alexandra Fernández, David Bruzos e Miguel Anxo Fernán Vello serán os cabezas de lista nas diferentes circunscricións. A candidatura nace, e así o sinalaron os seus promotores, con vontade de continuidade e a vista posta nas eleccións galegas de 2016. Concorren ao 20-D coa vontade de achegar e sumar á vaga polo cambio no Estado desde unha aposta pola 'quebra democrática' e o 'dereito a decidir'.
O PP, a capear
O PPdeG sabe que non vai ter doado repetir os 15 deputados que obtivera nas xerais de hai catro anos. Non é esa a súa marca para este 20-D, senón que se conforma con ser primeira forza, o que en 2011 lograra de maneira moi folgada, e a ser posíbel logrando máis escanos que a suma dos de todos os seus rivais.
A ministra Ana Pastor, Joaquín García, Miguel Lorenzo e Miguel A. Viso son as bazas dos populares galegos para encabezr as listas en Galiza. Un discurso no que combinarán o 'mantra' de que está comezando o camiño da recuperación económica que combinarán co da defensa da unidade española fronte aos desafíos independentistas.
O PSOE, a non perder
Pouco imaxinaba hai catro anos o PSOE que un escenario de queda do PP non se correspondería cun alza dos socialistas. Mais ese é o que pode darse o 20-D. En 2011 o PSdeG obtivo seis escanos para o Congreso. Os socialistas chegan a esta cita vendo como parte do seu electorado ten novos pretendentes, de Ciudadanos a Podemos, e cuns meses de vida convulsa: imputacións de Besteiro e Pachi Vázquez, o sarillo don Manuel Martín na Deputación de Lugo...
Enquisas: escépticas co cambio
As enquisas que se están a publicar nestes días coinciden, a grandes rasgos, en tres cuestións: PP e PSOE manteñen a primeira e segunda posición, mais cunha perda importante de votos e escanos. Irrupción de Ciudadanos e Podemos, mais sen forza para se situar como primeiras forzas. E importante representación de forzas soberanistas, nomeadamente de Catalunya e Euskal Herria.
Así, a sondaxe de La Vanguardia vaticina que o PP terá 130 representantes, mentres que o PSOE lograría 109, Ciudadanos 48 e Podemos, 25. IU atinxiría 5, sendo superada por Convergència, ERC e Amaiur e PNV.
Sobre 120 escanos concede ao PP o inquérito de Celeste-Tel, por 102 do PSOE, sobre 60 a Ciudadanos e un teito de 30 a Podemos. A enquisa coincide en outorgar importante representación ao soberanismo catalán e vasco, así como que o nacionalismo galego manterá representación.